A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (Culturmar) nace no ano 1993, ao abeiro dunha xuntanza de embarcacións tradicionais celebrada en Ribeira co obxectivo de defender, divulgar e dinamizar o Patrimonio Marítimo de Galicia (mais adiante tamén Fluvial), particularmente as embarcacións tradicionais que o integran. Dende o seu inicio a FGCMF caracterizouse pola realización das seguintes accións:

  • Recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais
  • Realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo
  • Dinamización das embarcacións mediante a realización de regatas e exhibicións conxuntas
  • Difusión do patrimonio marítimo e fluvial galego
  • Fomento do asociacionismo cultural nas vilas e lugares costeiros

Actualmente Culturmar está integrada por 45 colectivos, que inclúen asociacións deportivas, culturais, veciñais, etnográficas e mesmo colexiadas.

O intercambio de experiencias con outros territorios europeos no tratamento e no deseño de accións de recuperación do patrimonio marítimo, a súa posta en valor e o seu aproveitamento económico, foron esenciais na definición do camiño a seguir por Culturmar. As continuas saídas da Federación a outras zonas de Europa, e moi especialmente a Francia, non só serviron para representar a singularidade e riqueza do patrimonio marítimo de Galicia, senón tamén para aprender doutras experiencias e darlle unha maior dimensión á propia Culturmar.

Unha das principais singularidades de Culturmar radica en que as asociacións que a compoñen, conforman unha rede de voluntariado que traballa na defensa do patrimonio marítimo e fluvial galego, por esta razón a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial está inscrita no rexistro da asociacións do voluntariado galego.
O paso das edicións do Encontro supuxo un chanzo no desenvolvemento de accións no eido da cultura marítima e fluvial, manifestándose nun incremento continuado no número de asociacións, de proxectos de recuperación de embarcacións tradicionais e mesmo de publicacións e revistas de cultura marítima.

No eido europeo, a presenza da FGCMF vén marcada fundamentalmente pola transcendencia do Encontro e supón o maior escaparate da riqueza do noso patrimonio. Froito deste traballo foron os convites feitos para que a cultura marítima e fluvial de Galicia fose convidada de honra nas festas de Douarnenez no 2000 e na de Brest no 2008, as máis importantes citas europeas de embarcacións tradicionais.
Culturmar participa como asociado no proxecto europeo DORNA (Desenvolvemento Organizado e Sostible de Recursos no Noroeste Atlántico), aprobado no marco do Programa de Cooperación Transnacional Espazo Atlántico, ao tempo que ten colaborado noutros proxectos internacionais.

Como resultado desta traxectoria, no ano 2009 a European Maritime Heritage (EMH), asociación de carácter internacional que conta co abeiro da Unesco e asesora ás autoridades da Unión Europea nos temas do patrimonio marítimo, convidou a Culturmar a formar parte daquela asociación, incorporación que se materializou en Bruxelas o 16 de maio de 2009. Dende ese momento Culturmar convertese no primeiro e único representante do Estado Español de pleno dereito no EMH. En setembro de 2010, no 7º Congreso de EMH Culturmar foi nomeada membro do Comité executivo da EMH ademais de formar parte das comisións de Cultura e de Seguridade desa asociación.

A actual Xunta Directiva está formada por:

Presidente: Manuel García Sendón (en representación da Asociación Mar de Muros)

Vicepresidente: Xaquín Lores Torres (en representación do Grupo Etnográfico Mascato)

Secretario: Anxo Telmo Rincón (en representación da Asociación Amigos da Dorna de Portonovo)

Tesoureiro: Sara Cacheiro González (en representación da Asociación Deportiva e Cultural Dorna)

Vogal: Pablo Carrera López (en representación da Asociación Amigos do Museo do Mar de Galicia)

Vogal: Enrique Sendra Otero (en representación da Asociación Recreativa Mar da Pedra de
Amigos das Gamelas)

Vogal: Víctor Fernández González (en representación da Asociación de Mariñeiros Artesanais e Deportivos San Miguel de Bouzas)