INAUGURACIÓN DO XI ENCONTRO

As embarcacións saúdan o pobo do Freixo.

As embarcacións participantes no Encontro izan as súas velas en sinal de agradecemento á hospitalidade do pobo do Freixo que as acolle. 

Queres navegar no Encontro e non tes barco?

Vai haber a posibilidade de sair ao mar en dous barcos, o Chasula e o Joaquín Vieta. Ambos os dous farán saídas pola mañán e pola tarde con características distintas. O prezo das saídas dependerá do tipo de saída que se faga e do barco. Para ter máis información pódese preguntar nos mesmos barcos, nos postos de Información do Encontro e consultar a web do Vieta e do Chasula.

ARRIBADA DOS PRIMEIROS BARCOS

As primeiras embarcacións tradicionais xa están amarradas no porto do Freixo.

 

As primeiras embarcacións, procedentes de Arousa, arribaron onte ao Freixo. Hoxe uníronselles algunhas máis.

INAUGURACIÓN DAS EXPOSICIÓNS

Eva Veiga fixo enmudecer ao público coa súa voz, o seu rostro, as súas mans... e a palabra.

Nunha breve pero intensa introdución ao recital, describiu a implicación da xente no Encontro como "un acto de amor" e confrontou os valores imperantes na sociedade actual cos valores humanistas que, a pesar de "non cotizar en bolsa", moven as persoas a desenvolver iniciativas como esta. 

Relatou a súa primeira visita ao Freixo, a "comer berberechos", e referiuse a ela como unha das armas que utilizou Alfonso Costa para conquistar o seu corazón. 

O recitado de dous poemas de Avilés de Taramancos: "Na terra chan mais longa" e "Na outra banda do mar constrúen o navío" fixo enmudecer o público, quizais identificado co amor polo mar e as súas xentes que transmiten.

PRESENTACIÓN DO XI ENCONTRO ANTE A PRENSA

As técnicas técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas serán declaradas Ben de Interese Cultural.

Onte, 4 de xullo, presentouse o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia ante a prensa.

Víctor Fernández, presidente da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, impulsora desta celebración itinerante que se realiza cada dous anos; Xesús Mato, presidente do Comité Organizador e membro da asociación Terra de Outes; Carlos Crespo, alcade do Concello de Outes; e Anxo Lorenzo, Secetario Xeral de Cultura, coincidiron na importancia do evento como fenómeno cultural divulgador da riqueza do noso patrimonio marítimo e fluvial e no atractivo programa que ofrece a XI edición do Encontro.

Coincidiron tamén nos seus agradecementos ás distintas institucións que colaboran co proxecto, ás asociaciacións que levan anos traballando por manter, non só na memoria, o coñecemento das técnicas de construción e manexo das embarcacións tradicionais e, en especial, ao pobo de Outes que non escatimou esforzos co obxectivo de que O Freixo sexa o anfitrión que participantes e visitantes merecen.

Anxo Lorenzo anunciou que a Consellería de Cultura, Educación e O. U. está a traballar na declaración das técnicas construtivas das embarcacións tradicionais galegas como Ben de Interese Cultural (BIC), paso previo e necesario "para asegurarlle un marco xeral que permita un posterior inventario rigoroso de tipoloxías e de todo o universo que o rodea, tanto lingüístico como xeográfico, técnico etc". Anunciou tamén que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural explicará os primeiros pasos que se están a dar nese senso nas Xornadas Técnicas que se celebrarán no Encontro, coa construción naval en madeira como eixo. 

MARÉ DE MÚSICA NO FREIXO

Música...   QUE NON FALTE!

Un completo programa musical para unha gran festa.

 

COMEZAN AS ACTIVIDADES DO ENCONTRO

Primeiras actividades do XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

O xoves, 4 de xullo, ás 12:00 na Casa da Cultura de Outes, presentarase o XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia coa presenza do Secretario Xeral de Cultura, Anxo Lourenzo.

O sábado, 6 de xullo, tamén ás 12:00, pero esta vez no Club Náutico do Freixo, inauguraranse as exposicións e presentarase o último número da revista Ardentía.

A poeta e xornalista Eva Veiga porá voz ao acto cun recital de poesía.

Todo Outes co Encontro

A cultura de Outes embarca no XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

Amais do centenar de persoas voluntarias que se encargarán de atender aos visitantes e de que todo funcione correctamente, asociacións do concello, centros de ensino, músicos, pintores, poetas, artesáns,... colaboran desinteresadamente na organización, aportando os seus saberes para que a celebración do Encontro sexa unha mostra da cultura de Outes.
 

A Asociación Xente de San Orente desenvolverá un obradoiro de confección de sancosmeiros, os típicos sombreiros que locen labregas e mariscadoras para protexérense do sol, e animará as rúas co seu grupo de cantereiras e pandereteiras. O Centro Social de Outes tamén organizará obradoiros: de encaixes, vainica e coiro.

Varios pintores e pintoras do Concello amosarán o seu traballo inspirado no mar e o IES Poeta Añón presentará Outear, memoria de Outes, un traballo de investigación sobre o pasado de Outes no que participou toda a comunidade educativa. 

O poeta Ramón Blanco recitará algúns fragmentos da súa última obra: Emily on the road.

E, como non podía ser doutra maneira, grupos dos estilos máis diversos encargaranse de encher O Freixo de música. As Agrupacións Folclórica Municipal de Outes e Tremuzo do Freixo, as Cantareiras e pandereteiras Xente de San Orente, a Banda Municipal de Outes e as corais O Peirao e Xuvenil Solpor do Freixo e Francisco Añón do Centro Social, desde o máis tradicional; o Grupo de metais Onde Brass?, con algo de swing; e o grupo The Wayfarers, con rock and roll. Unha festa!

Agradecemos desde aquí a colaboración de toda esta xente que fai cultura en Outes acotío e a desa outra que, aínda que de forma menos visible, está tamén traballando arreo para que a gran festa mariñeira sexa un éxito. 

O Rock'nRoll de The Wayfarers abrirá a noite musical do venres

The Wayfarers: Rock'nRoll e moita caña para axitar corpos, mentes e espíritus!!!

Os Wayfarers, banda de Outes que vén de ser finalista no Concurso SonRías 2013, repetirán con seguridade o éxito logrado na súa recente actuación no Café-Concerto Antano.
Co seu son roqueiro quentaremos motores para manter a festa toda a noite.

Velocidade, empanada e festa con Terbutalina

A velocidade dependerá do vento, a empanada e outras delicias gastronómicas están garantidas e da festa encargarase Terbutalina.

Este grupo que naceu, como eles din, no incentro entre Ventín, Muíño do Vento e Esteiro (condados do Estado de Muros, Galicia) no 2010 vai polo seu 4º disco, unha carreira meteórica que reflicte o éxito do seu "gastropunk": temas breves, con ritmo desenfreado e sobre todo letras divertidas e con moita sorna.
O seu álbum "Hostias para todos" foi seleccionado por un xurado profesional como finalista da 5ª convocatoria dos "Premios de la Música Independiente" na categoría de Mellor Álbum en Lingua Galega. Celebraremos o premio no Freixo?

Páxinas

Subscribe to XI Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia RSS

20 anos de Encontros