Nova lei de Patrimonio Cultural de Galicia

 
Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia. Esta lei introduce novidades considerables respecto do patrimonio relacionado cos ríos e os mares. Ata agora o patrimonio marítimo e fluvial non aparecía de forma explícita na lei. Agora contaremos cunha norma que permitirá avanzar na protección e difusión do noso patrimonio se desde as administracións implicadas se fai o traballo necesario.

Algúns dos elementos do patrimonio marítimo aparecen recollidos en distintos apartados da lei:

  • Dentro do patrimonio arquitectónico a lei inclue arsenais navais, baterias de costa e construcións similares dándolle a consideración de Ben de Interese Cultural aos que fosen construídos antes de 1849. Tamén se incluen neste tipo de patrimonio as pontes, as presas, as canles, os faros, os peiraos e as infraestruturas e os edificios portuarios, que fosen construídos antes de 1901.
  • No patrimonio etnolóxico inclue os batáns, os muíños de río e de marea, as pesqueiras, as fábricas de salgadura, as carpintarías de ribeira e as embarcacións tradicionais do litoral e dos ríos de Galicia.
  • No patrimonio arqueolóxico a lei dispón a inclusión directa no Catálogo de patrimonio dos pecios, os buques, as aeronaves, outros medios de transporte ou calquera parte deles, os seus cargamentos, as estruturas e construcións, os obxectos e os restos da actividade ou presenza humana e os obxectos prehistóricos, de interese para Galicia, que se afundisen con anterioridade a 1901.
  • No patrimonio industrial considéranse incluídos as conserveiras e as instalacións e fábricas da industria navieira anteriores a 1936.

Ademais da protección deste patrimonio físico mencionado, a lei senta as bases de protección do patrimonio inmaterial. Saberes como a carpintería de ribeira, a velería, as técnicas de navegación tradicionais, as técnicas das redeiras, etc. poderían entrar dentro deste apartado. Xunto cos saberes ou tradicións a lei tamén considera necesario protexer os seus produtos e os lugares onde se producen.

A lei incorpora un novo mecanismo de protección, o Censo do Patrimonio Cultural. Todos os bens e manifestacións inmateriais do patrimonio cultural de Galicia, en tanto non fosen declarados de interese cultural ou catalogados, incluiranse no Censo do Patrimonio Cultural para a súa documentación, estudo, investigación e difusión dos seus valores. A lei dispón que a Xunta faga público o Censo nun prazo máximo de dous anos.

Esta nova lei abre a porta á creación dos mecanismos necesarios para protexer e difundir o noso patrimonio marítimo e fluvial. Xa sexa mediante o Censo ou a través da protección do patrimonio inmaterial, ábrese a posibilidade de que as nosas embarcacións tradicionais aparezan formalmente como parte do patrimonio cultural galego, como sucede a partir de agora con gran parte do patrimonio marítimo e fluvial construído.

Imaxe: botadura da Chíscala no Día das Letras na Arousa. ACD Dorna

Vendo isto, Eu pregunto:

Vendo isto, Eu pregunto: entón o dique da Cabana na Graña está Protexido, non é?

Depende. Entendo que primeiro

Depende.
Entendo que primeiro habería que ver se forma parte do Inventario do Patrimonio Cultural, nese caso parece que tería protección de ben catalogado. Se non é así, depende de como se considere. Se se considera parte dun arsenal sería BIC directamente por ser supostamente anterior a 1849, se non se considera parte dun arsenal ou posterior a 1849 entón só tería a consideración de ben censado chegado o caso como infraestrutura portuaria anterior a 1901, á espera de que alguén solicite a catalagocación ou a declaración como BIC.

O concepto de protección é algo "difuso". Que un dique sexa parte do patrimonio cultural non quere dicir nada concreto sobre que non se poida facer nada con el, só no caso de estar catalogado ou ser BIC ten unha mínima protección real que obriga ao propietario a pedir autorización á Consellería de cultura para actuar sobre o ben.

Comprobando o Inventario do Patrimonio aparece o Arsenal civil da Cabana polo que parece que o dique coa nova lei tería protección de ben catalogado como mínimo e se se demostra que é anterior a 1849 sería BIC.

A ver si algún avogado ou experto en lexislación nos pode aclarar o tema

Opcións de visualización dos comentarios

Seleccione a sua forma preferida de visualización de comentários e clique "Gardar opcións" para activar os seus cambios.