Estivemos en Errentería e Trintxerpe

Hai unhas semanas un pequeno grupo de persoas en representación de Culturmar participamos no festival Atlantikaldia, en Errentería e despois visitamos Trintxerpe.

En Atlantikaldia, durante dous días, seis barcos estiveron á mostra no río e acompañaron os barcos de Albaola nunha navegación nocturna, e en terra montouse a exposición Patrimonio do vento e do sal, proxectaronse vídeos e atendeuse ao numeroso público que pasou pola praza na que estábamos situados.

O último día en Euskadi trasladamos a mostra a Trintxerpe, convidados polo Fato Daniel Castelao. Este barrio de Pasaia foi un lugar de emigración de moita xente mariñeira da costa galega desde principios do século XX, e ainda hoxe non é extraño oir falar en galego pola rúa. En Trintxerpe os barcos estiveron en seco para que a xente poidera velos e tocalos. Foron moitos os vellos mariñeiros, mulleres, e os seus descendentes que pasaron a velos, a ver os vídeos sobre o noso patrimonio marítimo e sobre todo a falar, a contarnos cousas da súa vida e do mar. Foi para todos os membros da expedicíón unha experiencia moi gratificante falar con estes homes e mulleres.

Queremos agradecer a Albaola o apoio loxístico que nos proporcionou, ao Concello de Pasaia a súa axuda, e ao Fato Daniel Castelao a extraordinaria acollida que nos deron.