BIC para a vela latina na Albufera de Valencia

O Consell da Generalitat Valenciana declarou Ben de Interese Cultural inmaterial a pesca artesanal e a navegación a vela latina na Albufera de Valencia.

Na zona da Albufera hai varias asociacións de vela latina que se agrupan na Federació Cultural Valenciana de Vela Llatina, e que promoveron a declaración de BIC xunto coas comunidades de pescadores de Palmar, Catarroja e Silla. Serán estas entidades as encargadas da xestión do Ben.

Os nosos parabéns a estas entidades que conseguiron que o goberno valenciano recoñeza a importancia cultural da vela latina e que mediante esa declaración de BIC se senten as bases para a súa salvagarda, tanto da continuidade da transmisión dos coñecementos asociados á vela latina como da súa integridade ao considerar os perigos de desvirtuación aos que se pode ver sometido ese valioso elemento cultural polo turismo masivo.

Esta declaración como BIC ven xuntarse á que o Goberno de Canarias fixera da "La Vela Latina Canaria de Las Palmas de Gran Canaria" recoñecendo a singularidade das regatas de vela latina no porto das Palmas.

(Imaxes: Federació Cultural Valenciana de Vela Llatina)