Xornadas culturais en Bouzas

Os vindeiros días 16 e 17 de decembro van ter lugar dous eventos na nova sede de Mariñeiros de Bouzas. O venres 16 ás 20:00 h haberá unha charla con D. Isidro Alonso Marcial, "Tesouro humán vivo", organizada pola Asociación Cultural Vila de Bouzas e coa colaboración de Mariñeiros de Bouzas.

O sábado 17 de decembro haberá unha Xornada do patrimonio marítimo, organizada por Mariñeiros de Bouzas. Ás 11:00, 12:00 e 13:00 h haberá visitas guiadas ao pantalán de barcos tradicionais. Pola mañá tamén haberá un obradoiro de pesca infantil. Ás 18:00 h haberá a charla Para que conservar o patrimonio marítimo?. E de 11:00 a 20:00 h estarán abertas as exposicións Os primeiros motores foraborda en Galicia, e Patrimonio do vento e do sal.

BIC para a vela latina na Albufera de Valencia

O Consell da Generalitat Valenciana declarou Ben de Interese Cultural inmaterial a pesca artesanal e a navegación a vela latina na Albufera de Valencia.

Na zona da Albufera hai varias asociacións de vela latina que se agrupan na Federació Cultural Valenciana de Vela Llatina, e que promoveron a declaración de BIC xunto coas comunidades de pescadores de Palmar, Catarroja e Silla. Serán estas entidades as encargadas da xestión do Ben.

Os nosos parabéns a estas entidades que conseguiron que o goberno valenciano recoñeza a importancia cultural da vela latina e que mediante esa declaración de BIC se senten as bases para a súa salvagarda, tanto da continuidade da transmisión dos coñecementos asociados á vela latina como da súa integridade ao considerar os perigos de desvirtuación aos que se pode ver sometido ese valioso elemento cultural polo turismo masivo.

Esta declaración como BIC ven xuntarse á que o Goberno de Canarias fixera da "La Vela Latina Canaria de Las Palmas de Gran Canaria" recoñecendo a singularidade das regatas de vela latina no porto das Palmas.

(Imaxes: Federació Cultural Valenciana de Vela Llatina)

O Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia no Culturgal

No marco da pasada edición do Culturgal, dentro das actividades promovidas pola Deputación de Pontevedra e grazas ao apoio do Concello de Poio, presentouse o vindeiro XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, que vai ter lugar en Combarro do 29 de xuño ao 2 de xullo do 2017.
A presentación estivo a cargo de Joaquín Fabeiro, presidente da C.M A Reiboa, e presidente do comité organizador, Xosé Luís Martínez, concelleiro de Poio, e Manuel G. Sendón, presidente de Culturmar.

Os traballos de organización do Encontro xa van avanzados e cóntase co compromiso económico das administracións similar ao de pasadas edicións. Pronto se activará a páxina web do Encontro, onde se poderán inscribir os barcos e se dará a información necesaria para as persoas interesadas en participar ou simplemente visitar Combarro os días do Encontro para gozar co espectáculo dos barcos navegando e da completa oferta cultural e festiva que supón o Encontro. Mentras non se activa o web pódese consultar a páxina en facebook do XIII Encontro

XII Semana do Mar. Marín

Do 5 ao 11 de decembro vai ter lugar na Casa da Cultura de Seixo, en Marín, a XII Semana do Mar, organizada pola Asociación de Pescadores de Aguete "Chirleu" e o Grupo Cultural Ronsel.

O programa é o seguinte:

  • Luns 5, 20:00 h Inauguración da exposición "Os oficios do mar"
  • Martes 6. Excursión ao Museo Casa do Barco en Vila do Conde, con saída ás 9:30 h desde Seixo
  • Mércores 7, 20:00 h Conferencia de José M. Castaño García "Para ser grumete. Unha experiencia na divulgación da historia marítima"
  • Xoves 8, 20:00 h Proxección do documental "Mercadores e baleeiros. Unha historia de ultramar" de Crónicas TVE
  • Venres 9, 20:00 h Conferencia de Xosé Luís González Escalante "Xenese do Museo da Pesca e da Salga. Salgadeiras de Moreiras no Grove"
  • Sábado 10, 18:00 h Conferencia de Covadonga López de Prado Nistal "O Museo Massó. O museo que medrou dentro dunha fábrica de conservas"
  • Domingo 11. 11:00 h Saída a vela en embarcacións tradicionais. Ás 18:00 h Clausura coa proxección dos documentais "Cadernas de historia. ARte e oficio da dorna"(2014) e "Traiñas" (2016) de Víctor Gallego e Bruno Ordóñez, para Mardefondo Producións

Workshop Internacional Geografía de la producción pesquero-conservera en la antigüedad, entre el Atlántico y el Mediterráneo

Hoxe 30 de novembro e o 1 e 2 de decembro está tendo lugar no Museo do Mar de Galicia e no Museo Massó de Bueu o Workshop Internacional Geografía de la producción pesquero-conservera en la antigüedad, entre el Atlántico y el Mediterráneo que contará coa participación de investigadores españois, franceses, portugueses e galegos.

XVIII Concurso de corais da canción mariñeira. Bouzas

O vindeiro sábado 26 de novembro ás 20:00 h no IES Audiovisuais de Bouzas vai ter lugar o XVIII Concurso de corais da canción mariñeira. Organizado por Mariñeiros de Bouzas contará coa presenza da Coral Polifónica de M. Auxiliadora de Vigo, o Grupo Lembranzas Moañesas e a Coral Polifónica Amadeus de Vigo.

Tempos de Pesca em Tempos de Guerra. Libro

O vindeiro 24 de novembro ás 18:00 h vaise presentar na Biblioteca Municipal Rocha Peixoto da Póvoa de Varzim o libro Tempos de Pesca em Tempos de Guerra escrito por Licínio Ferreira Amador.
O libro narra a historia do lugre bacalloeiro María da Gloria, que en 1942 foi afundido por un submarino alemán ao sur de Groenlandia. Logo da morte de varios mariñeiros a tripulación púxose a salvo nos doris do lugre pero días despois morreron 36 dos seus tripulantes, logrando salvarse 8 nun dos doris.

Pegadas da Industrialización en Galicia. A Enseada de San Simón. Libro

Este xoves 24 de novembro ás 19:30 vaise presentar na Galería Sargadelos de Vigo o libro Pegadas da Industrialización en Galicia. A Enseada de San Simón, de Manuel Lara, presidente de Buxa, Asociación Galega do Patrimonio Industrial. No acto intervirán Xoan Carmona, Alejandro Díeguez e Manuel Lara.

Visita a Cardama, un estaleiro vigués centenario

O vindeiro 23 de novembro ás 17:00 h Vigo Pesqueiro organiza unha visita guiada a Cardama. É unha boa oportunidade para coñecer por dentro un estaleiro que este ano cumpre os cen anos de actividade ininterrumpida. Fundado por Francisco Cardama Godoy en 1916, nos últimos anos está especializado en construción de remolcadores e barcos de salvamento e vixiancia. Tamén ten un departamento de I+D+I e participa no proxecto Magallanes para obter enerxía das correntes mariñas.
Mañá 22 é o día límite para apuntarse e polo momento aínda hai algunas prazas.

(Imaxe: Cardama)

A nova sede de Mariñeiros de Bouzas

O vindeiro sábado 19 de novembro ás 12:00 h vaise inaugurar a nova sede de Mariñeiros de Bouzas, non moi lonxe de súa sede de sempre. A partir de agora Mariñeiros de Bouzas terán un espazo adecuado no que traballar no coidado dos seus barcos e na recuperación das novas incorporacións á súa flota, que non é pequena.

Este edificio marca un fito no devir desta asociación, un novo logro que ven xuntarse ao seu pantalán de barcos tradicionais que está operativo desde o ano 2008, adicado exclusivamente a museo flotante de barcos tradicionais, cun notable éxito de publico visitante.

Os nosos parabéns a Mariñeiros de Bouzas polo seu traballo ao longo de tantos anos para conseguir esta infraestrutura tan necesaria para o seu labor de salvagarda do noso patrimonio marítimo. Un traballo dificil que implicou contactar e convencer a varias institucións e ao que o sábado se lle vai poñer o ramo.

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....