Visita a Cardama, un estaleiro vigués centenario

O vindeiro 23 de novembro ás 17:00 h Vigo Pesqueiro organiza unha visita guiada a Cardama. É unha boa oportunidade para coñecer por dentro un estaleiro que este ano cumpre os cen anos de actividade ininterrumpida. Fundado por Francisco Cardama Godoy en 1916, nos últimos anos está especializado en construción de remolcadores e barcos de salvamento e vixiancia. Tamén ten un departamento de I+D+I e participa no proxecto Magallanes para obter enerxía das correntes mariñas.
Mañá 22 é o día límite para apuntarse e polo momento aínda hai algunas prazas.

(Imaxe: Cardama)

A nova sede de Mariñeiros de Bouzas

O vindeiro sábado 19 de novembro ás 12:00 h vaise inaugurar a nova sede de Mariñeiros de Bouzas, non moi lonxe de súa sede de sempre. A partir de agora Mariñeiros de Bouzas terán un espazo adecuado no que traballar no coidado dos seus barcos e na recuperación das novas incorporacións á súa flota, que non é pequena.

Este edificio marca un fito no devir desta asociación, un novo logro que ven xuntarse ao seu pantalán de barcos tradicionais que está operativo desde o ano 2008, adicado exclusivamente a museo flotante de barcos tradicionais, cun notable éxito de publico visitante.

Os nosos parabéns a Mariñeiros de Bouzas polo seu traballo ao longo de tantos anos para conseguir esta infraestrutura tan necesaria para o seu labor de salvagarda do noso patrimonio marítimo. Un traballo dificil que implicou contactar e convencer a varias institucións e ao que o sábado se lle vai poñer o ramo.

I Xornadas de Iniciación á Vela Tradicional. Cambados

En BoudeVara acaban de publicar unha crónica das I Xornadas de Iniciación á Vela Tradicional organizadas este verán en Cambados polas asociacións Clube Mariño Salnés, As Joritas e A Torre, esta última membro de Culturmar. As persoas que participaron puideron aprender a navegar en barcos tradicionais e logo practicar o aprendido na Airexa e na Muller de Balboas, dúas dornas de tope e no Unicornio, un bote de Ribadeo.
Parabéns ás tres asociacións pola iniciativa e polo éxito acadado.

Imaxe: Boudevara

Novidades recentes

Neste tempo de outono no que estamos Culturmar segue traballando. Acabamos de comprar unha pequena carpa xunto con materiais promocionais como bandeirolas e rollups, que ademais de servir para eventos sinalados como o que nos levou recentemente a Euskadi, tamén poderán ser usados polos colectivos membros de Culturmar nas actividades que organicen.

Está lista tamén para poñerse en probas unha remodelación desta web, que irá acompañada dunha base de datos de embarcacións tradicionais. Ademais, preparamos unha nova exposición para exterior e interior sobre as embarcacións tradicionais de Galicia cun novo deseño e que virá substituir a de Patrimonio do sal e do vento, un tanto estragada xa polo uso. As melloras na web irán aparecendo paulatinamente, e a nova exposición terá a súa estrea no vindeiro Encontro.

Todos estes recursos foron adquiridos cunha axuda da Consellería do Mar, a quen lle agradecemos o seu apoio.

O Dia Nacional do Mar na Póvoa de Varzim

O vindeiro 16 de novembro vaise celebrar o Dia Nacional do Mar en Portugal. Neste marco na Póvoa de Varzim vai haber unha serie de eventos de moito interese.

As 11:50 h na Escola EB Aver-o-Mar haberá “O Mar na Toponímia Poveira”, sesión orientada polo Dr. Luís Diamantino, Vice Presidente da Câmara da Póvoa de Varzim e Presidente da Comissão Municipal de Toponímia. Esta atividade pedagóxica é alusiva á cultura marítima patente na Toponímia Poveira que evoca lugares, feitos, heróis e personalidades ligadas ao Mar e á comunidade piscatoria.

As 14:30 h na Escola Básica Dr. Flávio Gonçalves, as “Histórias do Mar da Póvoa” serán contadas por José de Azevedo. Nunha conversa informal serán abordados os mares poveiros, os costumes da comunidade piscatória poveira evocando poveiros cuxos feitos marcan a historia da Póvoa.

E ás 18:00 h vaise presentar na Biblioteca Municipal Rocha Peixoto o libro “Os Braços da Lancha” de José Peixoto e o filme documental (DVD) “Os Braços da Lancha” de Manuel Martins, José Peixoto e Paulo Pinto.

Unha dorna tamén rematou a singradura en Trafalgar

En 1959 partiu de Vigo a dorna Asunción co obxectivo de chegar navegando a Tarragona. Lamentablemente a súa viaxe rematou en Trafalgar. Os tripulantes eran Mario Zaera, Francisco Piñeiro “Chuco” e José Montenegro Collazo, estes últimos de Canido. A dorna de 6,15 m pertencía ao Real Club Náutico de Vigo.

(Vía Librería Náutica Antón, imaxe: Náutica Digital)

Vigo pesqueiro. Rutas polo Porto de Vigo


 
Xa se pode visitar o Porto de Vigo. Fundamar acaba de iniciar o proxecto Vigo pesqueiro, no que se ofrecen varias rutas co obxectivo de fomentar o coñecemento das actividades do porto, especialmente as referidas á pesca.

Vigo pesqueiro ofrece catro rutas, unha especialmente dirixida aos escolares, e outras tres para calquera persoa interesada. Destas tres rutas, unha é a pe, outra en autobús, e unha terceira en barco. A ruta a pé permite visitar as instalacións do porto, ver por dentro un barco de pesca de altura e unha planta de procesado de peixe ou unha cetaria. A ruta en autobús ademais mostra a vila de Bouzas e o Museo do Mar. A ruta en barco pola ría permitirá coñecer a historia do desenvolvemento da industria pesqueira de Vigo a través de elementos como antigas conserveiras, salgas, canteiras, estaleiros, etc.

A esta oferta xuntaranse visitas específicas a buques oceanográficos, estaleiros, o planetario do Instituto Marítimo Pesqueiro do Atlántico, IEO, lonxas, etc.

Este proxecto abre a posibilidade de coñecer de preto o traballo dun dos máis importantes portos de pesca do mundo, unha oportunidade que non hai que deixar pasar.
Os nosos parabéns a Fundamar e ao grande número de entidades e empresas que colaboran nesta magnífica iniciativa.

Estivemos en Errentería e Trintxerpe

Hai unhas semanas un pequeno grupo de persoas en representación de Culturmar participamos no festival Atlantikaldia, en Errentería e despois visitamos Trintxerpe.

En Atlantikaldia, durante dous días, seis barcos estiveron á mostra no río e acompañaron os barcos de Albaola nunha navegación nocturna, e en terra montouse a exposición Patrimonio do vento e do sal, proxectaronse vídeos e atendeuse ao numeroso público que pasou pola praza na que estábamos situados.

O último día en Euskadi trasladamos a mostra a Trintxerpe, convidados polo Fato Daniel Castelao. Este barrio de Pasaia foi un lugar de emigración de moita xente mariñeira da costa galega desde principios do século XX, e ainda hoxe non é extraño oir falar en galego pola rúa. En Trintxerpe os barcos estiveron en seco para que a xente poidera velos e tocalos. Foron moitos os vellos mariñeiros, mulleres, e os seus descendentes que pasaron a velos, a ver os vídeos sobre o noso patrimonio marítimo e sobre todo a falar, a contarnos cousas da súa vida e do mar. Foi para todos os membros da expedicíón unha experiencia moi gratificante falar con estes homes e mulleres.

Queremos agradecer a Albaola o apoio loxístico que nos proporcionou, ao Concello de Pasaia a súa axuda, e ao Fato Daniel Castelao a extraordinaria acollida que nos deron.

Xa lle falta menos á Surfeira

Os Amigos da Dorna de Portonovo seguen traballando na recuperación da Surfeira. Acaban de pintar o casco e están facéndolle o timón.

As cen arribadas dos "Contos do Mar de Irlanda"

Mañá sabado 22 de outubro ás 12:00 h na tenda La Naval, na Palloza da Coruña, Xurxo Souto chega ás cen arribadas, aos cen eventos relacionados co seu libro Contos do Mar de Irlanda. La Naval é unha tenda de efectos navais que pecha, logo de ter aprovisonado a flota do Gran Sol e Terranova durante máis de 50 anos. Xunto a Xurxo Souto estarán os patróns e poetas Serafín Mourelle e Xosé Iglesias, e o Manolo de Noia, acordeonista e contramestre.

Parabéns a Xurxo por este fito, por facer 100 eventos ao redor do mar que o levaron por toda Galicia e incluso sitios lonxe dela como Madrid (hai tradución ao español) ou Suiza, e por que o seu libro, con 5 edicións, foi o libro en galego máis vendido do ano 2015. O mar, a vida cotiá da xente do mar, cos seus momentos bos e malos, lonxe da épica dos naufraxios, está en cada páxina deste libro.

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....