III Festa da conmemoración da Batalle de Rande. Arde Rande!!

Mañá, venres 14 e o sábado 15 de outubro vai ter lugar Arde Rande!!, a III Festa da conmemoración da Batalla de Rande, organizada pola Asociación Deportiva e Cultural de Rande (ADCRande), xunto co Concello de Redondela. Este evento busca rememorar mediante teatralizacións a batalla entre a flota anglo-holandesa e a flota hispano-francesa que se dou no estreito de Rande en 1702. Nesta festa participan varios barcos tradicionais de colectivos membros de Culturmar da ría de Vigo.

O venres 14 a partir da 20:00 h vai haber un desembarco de tropas anglo-holandesas na praia de Arealonga, en Chapela.
O sábado 15 a partir das 10:00 h haberá xornada de portas abertas no Meirande, xunto con obradoiros e postos de artesanía. Seguirá ás 10:30 h unha presentación dos grupos GALP (antigos GAC) sobre o tema "Novas oportunidades de emprendimento na costa galega". Ás 12:00 h haberá uha concentración de embarcacións tradicionais no peirao do Meirande.
Durante todo o día haberá postos de comida e teatralizacións que rematarán á noitiña coa recreación da batalla e fogos no mar.

Regatas do Marisco. O Grove

Mañá 8 de outubro ás 16:00 h vai ter lugar no porto do Grove a Regata do Marisco, organizada por Amigos da Dorna Meca.

O domingo 9 de outubro ás 11:00 h será o Desafío a remos, unha regata de dornas a remo entre equipos do Grove, Cambados e a Illa.

Curso de carpintaría de ribeira. Lorbé

Os Patexeiros volven organizar o seu Curso de carpintaría de ribeira en Lorbe, impartido por carpinteiros profesionais. O curso consta de 6 sesións cun total de 24 horas de formación cun horario de 9:45 a 14:00 h os sábados pola mañá.

Este curso é eminentemente práctico e orientado ás pequenas reparacións que calquera pode necesitar facer no seu barco (sustitucións de banzos, cadernas, barraganetes, caureis, trancanís, calafateado, etc.), aínda que tamén haberá unha introducción teórica e uns rudimentos básicos do proceso construtivo dun barco e quitarase unha caderna sobre o taboleiro.

A data prevista de comezo é o 29 de outubro. As persoas interesadas poden contactar ou inscribirse no correo patexeiros@hotmail.com

É unha estupenda oportunidade para iniciarse no traballo da madeira nos barcos e aprender directamente as técnicas dun carpinteiro de ribeira en activo.

Propostas de futuro para o patrimonio a flote

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo galego. Propostas de futuro para o patrimonio a flote, para facerlles presente aos partidos que concurrían ás eleccións a situación na que está o patrimonio marítimo, e especialmente o patrimonio flotante, o que corre máis risco de desaparecer. Con este informe queremos chamar a atención sobre que o xa feito non é suficiente, que o patrimonio flotante segue a sofrer unhas condicións que non garanten a transmisión ás xeracións vindeiras do que chegou ata nós.

Neste documento propoñemos tres medidas básicas e que nós consideramos relativamente fáciles de levar a cabo. Non son nada que non dixéramos moitas veces en moitos foros distintos. Precisamos unha norma ou mecanismo que permita recoñecer o carácter cultural das embarcacións de interese patrimonial (tradicionais, históricas, singulares, etc.). Precisamos un inventario no que aparezan recollidas e que permita a difusión deste patrimonio e a planificación a medio e longo prazo do traballo tanto das administracións como da sociedade civil. E precisamos por último que nos portos nos que haxa demanda se creen mariñas tradicionais, un lugar específico e adecuado no que atracar estes barcos para que estean protexidos e que poidan ser vistos e visitados por calquera persoa e no que existan as fontes de información necesarias para que esas persoas poidan saber máis deles.

Como recollemos no informe, algúns pasos xa se deron na boa dirección, pero non son suficientes. Queda moito labor por facer.

Un galeón atraca en Betanzos

Na foto o galeón Punta Pragueira manobra a remo para atracar no Porto vello de Betanzos, onde atracaron en tempos non tan lonxanos goletas e pailebotes. O pasado día 17 de setembro foi a I Xuntanza de Embarcaciólns Tradicionais de Betanzos, o tempo acompañou e permitiu vivir unha fermosa xornada de navegación no rio e de convivio en Betanzos. No blog dos Patexeiros hai uha crónica sobre esta nova xuntanza que esperamos teña continuidade nos vindeiros anos.

Novos usos para os nosos vellos barcos. Moaña

A Asociación Sueste organiza uns talleres dirixidos a persoas entre 16 e 35 anos para difundir o coñecemento das embarcacións tradicionais e dos elementos que as rodean (carpinterías, nós, técnicas de navegación, etc.). Para lograr este obxectivo realizaranse dous talleres nos estaleiros de Casqueiro e Carlagho en Moaña, un mañá sábado 1 de outubro e outro o sábado 8.

O taller do día 1 constará de nocións teóricas para recoñecer as embarcacións tradicioanis galegas, unha visita ás carpinterías, nocións básicas de nós e navegación e un obradoiro de modelismo de medios cascos. O horario será de 10:00 a 13:30 e de 16:00 a 20:00 h
O taller do día 8 consistira na navegación en embarcacións tradicionais.

Esta actividade patrocinada pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia é gratuíta pero precisa inscrición previa que se pode facer enviando un correo co nome, idade, enderezo e teléfono a asociacionsueste@gmail.com.

IX Regata Porto Meloxo

Mañá sábado 1 de outubro ás 16-:00 h vai ter lugar a IX Regata Porto Meloxo, organizada por Amigos da Dorna Meca. Nesta regata a saída é desde terra pero co barco aparellado.
Lembramos que para participar hai que ter os seguros ao día e as medidas de seguridade precisas a bordo.

II Seminário “Mar, Educação e Património”

O vindeiro dia 30 de Setembro de 2016, a Biblioteca Municipal Rocha Peixoto da Póvoa de Varzim realiza a 2ª edición do Seminário “Mar, Educação e Património”, no marco da conmemoración dos 25 anos da lancha poveira do alto Fé em Deus.

O obxectivo desta xornada é compartir coñecementos, experiencias e traballos que os investigadores e profesionais de bibliotecas, arquivos, museus e escolas desenvolven sobre patrimonio marítimo e cultura do mar.

O programa terá duas partes, por un lado as literacias do mar, e por outro os proxectos en colaboración.

A participación é gratuita pero é preciso inscribirse previamente

Cambio de data da Regata de Porto Meloxo

A IX Regata de Porto Meloxo, prevista para o pasado sábado foi aprazada para o sábado 1 de outubro ás 16:00 h.

(Imaxe: Saída da regata de 2013, Amigos da Dorna Meca)

Sueste bota a andar unha nova Iniciativa Xove


A Asociación Sueste, xunto coa Direción Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, levará a cabo una actividades dirixida a moz@s de entre 16 e 35 anos os próximos días 1 e 8 de outubro baixo o epígrafe "Novos usos para os nosos vellos barcos", coa que pretenden que as personas participantes recoñecezan as embarcacións tradicionais galegas, así como as carpinterías de ribeira, incluíndo tamén obradoiros de nós mariñeiros, nocións de navegación e medios cascos.
As inscricións xestionanse no correo electrónico asociacionsueste@gmail.com.

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....