I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Betanzos

Mañá sábado 17 de setembro ás 16:00 h vai ter lugar a I Xuntanza de Embarcacións Tradicionais de Betanzos. Este evento está organizado por Barcos clásicos de Galicia e conta coa colaboración dos Patexeiros, dos Amigos das Embarcacións Tradicionais de Galicia e do Club Náutico de Ares. O lugar de amarre dos barcos será no Porto vello e está previsto que remate ás 20:00 h para poder aproveitar a marea para baixar o rio.

Ksal, o pintor do mar que triunfou en Terranova

José Casal Cerqueira, "Ksal", foi un maquinista de Coia nos barcos do bacallau en Terranova e logo nos do Gran Sol. Nas longas mareas do bacallau Ksal pintaba e nos seus cadros está o mar e os homes de Terranova, está o traballo e a vida diaria a bordo.
Ata agora practicamente descoñecido aquí a súa única exposición foi en Terranova, en Saint-Pierre-et-Miquelon. Agora esto cambiou. No Instituto Camoens en Vigo, na Casa Arines, están expostos 20 dos seus cadros nun proxecto da Asociación Casco Vello de Vigo coa colaboración de Xurxo Souto de quen parte a iniciativa de recuperación da figura de Ksal.

A exposición que foi inaugurada o pasado venres 9 estará aberta ata o 30 de setembro pero só os venres de 20:00 a 21:30 h. A exposición está acompañada por unha serie de actos :

Venres 16: "Gaiteiros do Mar", proxección do documental de Martín Rodas. Presentan Xerardo Feijoo e Xurxo Souto a charla cos gaiteiros do Hío protagonistas do documentario e posterior actuación musical deste grupo.

Venres 23: “Tesouros Humanos Vivos” proxección do documental “Isidro Marcial, 1º Tesouro Vivo do Berbés”. Presenta Xerardo Feijoo con posterior conversa con Isidro, un vello mariñeiro do Berbés, e coa xente do barrio relacionada co mar. Ao rematar actuación do Orfeón Mariñeiro do Berbés.

Venres 30: “Vigo/Terranova historias do Bacallau”. Presenta Xerardo Feijoo, colabora Xurxo Souto e todos os veciños que teñan algo que contar ao respecto. Logo actuarán os Falperrys.

Ao remate de cada venres a festa segue nos bares do casco vello tomando uns viños.

Parabéns á Asociación Casco Vello e a Xurxo Souto por recuperar para todos o traballo de Pepe Casal, pintor do mar.

A noticia en:

Brétemas
La Voz de Galicia

25 anos da "Fé em Deus"

O vindeiro día 15 de setembro ás 17:00 h na Biblioteca Rocha Peixoto da Póvoa de Varzim vaise conmemorar o 25 aniversario do bota-abaixo da Fé em Deus, a lancha poveira do alto.

A Biblioteca municipal Rocha Peixoto e a Cámara municipal da Póvoa organizan varios actos para lembrar ese bota-abaixo:

  • Sesión filatélica
  • Inauguración da exposición de modelos de embarcacións poveiras construídos por Manuel Agonia, mestre da Fé em Deus
  • Evocación do bota-abaixo, coa proxección dun filme sobre a lancha e a partilla de testemuños de persoas presentes naquel momento
  • Ladainha das lanchas, declamada por Libânia Feiteira Ferreira

O día 30 de setembro, no marco desta conmemoración vai ter lugar o II Seminario Mar, Educação e Património. O obxectivo deste seminario é compartir coñecementos e experiencias de bibliotecas, arquivos, museos, escolas e centros de investigación arredor do patrimonio marítimo e a cultura do mar.

Parabéns aos amigos poveiros por estes 25 anos da lancha. A nosa gratitude por manter vivo ese barco único, por ternos acompañado tantas veces e o desexo de bo vento e de moitos anos de novas navegacións.

III Regata da Valvanera. Cambados

O vindeiro sábado 10 ás 11:00 h vai ter lugar en Santo Tomé do Mar, Cambados, a III Regata da Valvanera. Esta regata organizada pola Asociación A Torre é unha regata de remos onde participan dornas e loros. A saída é na Torre de San Sadurniño e o remate do percorrido será na praia de Santo Tomé

Anclas líticas en las Rías Baixas. Libro

Mañá 9 de setembro ás 19:30 h vaise presentar en Vigo no Museo do Mar de Galicia, o libro de Ramón Patiño Gómez Anclas líticas en las Rías Baixas.
O autor do libro cataloga 150 áncoras líticas e sosten que son de orixe fenicia, frente a outras teorías que as supoñen de orixe local.

Homenaxe a Domingo Ayaso. Travesía a Palmeira

A Asociación Cultural R.e I. Cofradía da Dorna xunto a Asociación Cultural Lajareu por Barlovento levarán a cabo o vindeiro sábado día 3 de setembro unha xuntanza de embarcacións na que se fará un homenaxe o carpinteiro de ribeira, mestre dorneiro, Domingo Ayaso Oujo pola súa traxectoria e selo deixado na construción de dornas.

Da man de Ayaso saíron ducias de dornas, algunhas de gran tamaño como a Insuabela, a Rabandeira ou a Falucheira e outras tan viaxadas como a Jatiña.

Así mesmo tamén se lembrará ó amigo da A.C. Lajareu por Barlovento recentemente falecido, Alberto Romero Bermo e a Xosé Bermo, "o Americano", membro destacado do clube e mestre de mestres na navegación e cultura da dorna, que tamén nos deixou hai escasos anos.

O programa previsto é:

Ás 11:00 da mañá reuniranse todas as embarcacións na zona do náutico de Ribeira, a carón do galpón do Lajareu para por proa a Palmeira e desembarcar no histórico porto para tomar um refresco.

Ás 14.30 horas, de volta no galpón do Lajareu, rendiranse as homenaxes programadas, e haberá un xantar para pasar unha tarde de convivio mariñeiro.

O museo Mares de Cedeira está aberto

Nos baixos da Confraría, Cedeira xa ten o seu museo do mar. Logo de varios anos de traballo e por iniciativa de tres persoas: José Rodríguez Arribe, Vicente Rey Vilarelle e Eduardo González Villarnovo. Estas tres persoas recibiron o apoio da Confraría e das administracións, tanto do Concello como da Deputación. Desde o primeiro momento a iniciativa foi ben recibida pola xente de Cedeira, pero desde que abriu o museo son moitas as persoas que se achegan a botar unha man, sobre todo cedendo pezas. E a resposta dos visitantes foi tamén magnífica, nun mes máis de 2000 persoas pasaron por el.

O museo, que está na súa fase inicial, xa ten uns contidos moi interesantes que fan que pague a pena unha visita. A colección como é de esperar céntrase no mundo do mar de Cedeira, pero tamén ten elementos traídos desde lonxanos mares como as Filipinas. Entre outros obxectos podemos ver unha lancha de Cedeira, unha atarraia (un aparello de uso individual), exemplos da evolución da volanta (aparello moi usado pola flota cedeiresa), ferramentas dun carpinteiro de ribeira cedeirés, modelos de barcos locais, unha sección sobre a recollida de percebe a flote, dentes fósiles de Megalodón, unha excepcional colección de cunchas e crustaceos, varios motores, un deles aberto para ver o seu funcionamento, cartillas de embarque centenarias, un libro de contabilidade de venda de lagosta de 1898, etc. Pero o máis importante non é a cantidade de obxectos que ten o museo senón o coidado posto en que cada cousa estea ben exposta, creando un percorrido con sentido que fai que quen visite o museo saia con coñecementos e sensacións novas.

Parabéns ás tres persoas que con constancia e traballo conseguiron ver realizada a súa idea, tamén ás administracións que souberon apoialos, e sobre todo parabéns ao pobo de Cedeira porque agora ten un novo e non pequeno recurso turístico, pero sobre todo porque ten un novo e poderoso recurso social e cultural. Un sitio no que ir rexistrando as mudanzas que o tempo fixo e fará no traballo do mar, un punto no que poden atoparse os máis vellos e os máis novos arredor do mar, un dos piares da vida de Cedeira.

Máis información e imaxes en:

Olláparo
TVG
Novas de Cedeira
La Voz de Galicia

As dornas volveron subir ata Padrón

Por cuarto ano as dornas subiron o Ulla e o Sar ata Padrón. Organizada pola Fundación Rosalía e a ACD Dorna "Que inchadiña branca vela" volveu levar 12 dornas ao Espolón de Padrón para render homenaxe á Rosalía de Castro.

As imaxes das dornas volveron lembrar os versos de Rosalía:

¡Que inchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
"Palomiña, ¡voa!, ¡voa!"

Faille arrolo a branda ría
cun remanso mormuxante,
que nás da arboleda umbría
baixo un toldo de alegría,
ó calor dun sol amante.

A subida polo río permite ver imaxes moi fermosas e pouco frecuentes das dornas entre as xunqueiras ou os bosques pero tamén permite ver navegar unha dorna coa vela á cruz. Neste caso, xa no regreso, na dorna en segundo plano ademais da vela á cruz o pau foi sustituído pola vara de portar para poder pasar baixo das pontes sen ter que desaparellar a dorna e o timón por un remo para reducir o calado.

Agradecémoslle a José Manuel Rodríguez que nos facilitase as imaxes.

IV Regata Dornas A Vela “Camping Miami Playa". O Grove

O vindeiro sábado 3 de setembro vai ter lugar no Grove a IV Regata Camping Miami Playa, que organiza o Camping Miami Playa co colaboración de Dorna Meca.
A saída será ás 16:00 h desde a praia do Espiño en Pedras Negras, San Vicente do Mar. Lembramos a necesidade de ter os seguros ao día e as medidas de seguridade precisas a bordo para participar.

XXI Concentración de Embarcacións Tradicionais de Combarro

Os vindeiros 26,27 e 28 de agosto vai ter lugar a XXI Concentracion de Embarcacións Tradicionais de Combarro, organizada polo CM A Reiboa

O programa previsto é o seguinte

venres 26

17:00 Recepción de embarcacións
18:00 Apertura das exposicións
21:00 Cea tripulacións

sábado 27

10:30 Reunión de Patróns
11:00 Navegación libre
13:30 Visita ás Embarcacións
14:00 Xantar tripulacións
16:30 Regata da Pamplina a remos
17:00 Regata da Pamplina a velagmail.com
19:30 Visita ás embarcacións
20:30 Presentación do XIII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia - Combarro 2017
21:00 Entrega de premios das regatas
22:00 Cea tripulacións

domingo 28

11:00 Navegación libre
14:00 Xantar das tripulacións
17:00 Despedida das embarcacións

A parte musical correspondelle ao Festival Armadiña rock que este ano trae a Siniestro, Banda Crebinsky, Ses, os Lakazans ou Terbutalina entre outros.

As persoas interesadas en participar co seu barco teñen que cubrir a folla de inscrición e enviala a cmreiboa@gmail.com

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....