Adianto do vídeo do XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Cabo de Cruz 2015

 
Este fermoso vídeo é o adianto do documental que se vai presentar o vindeiro sábado 9 de xullo ás 21:00 h no Centro Social de Cabo de Cruz. O documental recolle o vivido en Cabo de Cruz arredor do XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia celebrado en xullo do ano pasado.

Novos cursos na Aixola

A Aixola fai públicos os novos cursos que vai impartir a partir de setembro. A oferta deste novo periodo lectivo conta cos seguintes cursos:

Técnicas innovadoras en composites e madeira (300 horas)
Mecánica e instalación de motores en embarcacións de baixura (250 horas)
Composites, modelismo. Modelado manual, infusión e baleiro (600 horas)
Carpintería de ribeira (600 horas)
Velería e acastillaxe (350 horas)
Especialista en pp-pe (300 horas)
Instalación eléctrica naval de barcos de pequeña potencia (150 horas)
Confección e Mantemento de Artes e Aparellos (330 h) – Conducente ao Certificado de Profesionalidade MAPN0108 – Inscripción a través da túa Oficina de Emprego.

A estes cursos longos hai que engadir o programa Mantemar, orientado aos servizos de mantemento portuarios e marítimos, articulado nunha serie de cursos curtos e complementarios entre sí, aínda que independentes. Os cursos deste programa son os seguintes:

Reparacións polivalentes en poliéster (100 horas)
Reparacións polivalentes en materiais pneumáticos (100 horas)
Acastillaxe (100 horas)
Mecánica de mantemento en motores de embarcacións menores (100 horas)
Mantemento da instalación eléctrica dunha embarcación menor (100 horas)

Todos estes cursos son gratuítos e xa está aberta na Aixola a preinscrición en todos eles, coa excepción do curso Confección e Mantemento de Artes e Aparellos que require inscrición a través da oficina de emprego.

A oferta formativa da Aixola é hoxe en día unha oportunidade moi valiosa para aquelas persoas que queiran formarse para traballar en postos relacionados co mar xa que nalgúns casos como o de carpinteiro de ribeira, velería ou redeiro é moi dificil conseguir esta formación noutro centro.

O valor dunha balea. O éxito da actividade baleeira foi a causa do seu final

Mañá venres 8 de xullo ás 21:00 h vai ter lugar no Museo Massó a conferencia O valor dunha balea. O éxito da actividade baleeira foi a causa do seu final impartida por Álex Aguilar, comisario científico da exposición temporal De Punta Balea a Cabo Morás. A caza moderna da balea en Galicia e catedrático de Bioloxía na Universidade de Barcelona.

Homenaxe á Gamela de Cabo de Cruz: Lembrando ao Encontro

A Asociación Gamela de Cabo de Cruz e o Concello de Boiro organizan o vindeiro sábado 9 de xullo un acto de homenaxe á gamela de Cabo de Cruz e que tamén quere lembrar o XII Encontro, que tivo lugar en Cabo o pasado ano.

O día anterior, 8 de xullo, inaugurarase a exposición "Imaxes do Encontro 2015" e representarase a obra de teatro "Un mar de mulleres". O día 9, no Centro Social de Cabo de Cruz inaugurarase a III Xuntanza de palilleiras e bordadoras CSoCC. A continuación será o acto de homenaxe presentado por Xurxo Souto e no que se proxectará un vídeo sobre o pasado XII Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia. Finalmente, no peirao de Cabo de Cruz, inaugurarase a réplica da gamela "Esperanza-Liberdade". O acto rematará coa entrega dun agasallo de agradecemento á empresa Jealsa-Rianxeira polo seu decidido apoio ao XII Encontro.
Unha vez rematado o acto haberá actuacións musicais e unha pulpeira ata rematar a festa

Cos pés na area. Exposición

Do 1 ao 31 de xullo pódese ver no CEIDA a exposición Cos pés na area. Os traballos expostos son obra de dous colectivos artísticos moi interesantes, RetoqueRetro e Mar de fábula. Todas as obras expostas proceden de residuos que o mar deixou nas praias e que foron retirados polos integrantes de ambos colectivos.

Con estes magníficos traballos Retoqueretro e Mar de fábula queren concienciar á xente sobre a presión que a actividade humana está exercendo sobre o medio mariño e ao mesmo tempo mostrar a potencialidade artística presente nas crebas.

(Imaxe: RetoqueRetro)

As xeiras do Instituto de Estudos Miñoranos (verán 2016)

O Instituto de Estudos Miñoranos organiza varias xeiras nos meses de xullo e agosto deste ano. Algunhas delas están específicamente relacionadas co mar, entre elas dúas son en barco.

Destacamos:

15 de xullo. Talasonimia, naufraxios e arte rupestre en Monteferro. Nigrán
19 de xullo. Xeira nocturna en barco polo mar de Baiona e Nigrán
23 de agosto. Xeira nocturna en barco polo mar de Panxón. Talasonimia e naufraxios.

Os interesados en participar nas xeiras en barco xa poden reservar a súa praza seguindo estas instrucións.

Muros mira ao mar. Xuntanza de embarcacións tradicionais

Os vindeiros 8, 9 e 10 de xullo vai ter lugar as XII Xornadas de cultura mariñeira Muros mira ao mar.

Este ano o programa volve ser moi amplo, con actividades para todo tipo de público, e tamén volve haber Xuntanza de embarcacións tradicionais, organizada por Mar de Muros.

Desde a organización comunicannos que é urxente que as persoas interesadas en participar co seu barco envien cuberta a folla de inscrición o antes posible porque precisan organizar a loxística tanto en terra (pernocta, xantares, carros, etc) como no mar (amarres).

Singraduras didácticas pola ría no galeón Ave de Paso. Bueu

 
O vindeiro sábado 2 de xullo ás 17:00 h o Museo Massó organiza unhas singraduras didácticas pola ría de Pontevedra a bordo do galeón Ave de Paso. O obxectivo é ofrecer a experiencia da navegación a vela nun barco tradicional e a difusión das técnicas e coñecementos asociados a estes barcos.
Hai un máximo de 10 prazas por viaxe e a inscrición é gratuíta por estrita orde de reserva e deberá realizarse chamando ao teléfono: 986 321 838. É preciso confirmar a asistencia 24 h antes da saída e os menores deberán ir acompañados dun adulto.

(Imaxe: Ave de Paso. Ollares de Portonovo)

Marinha do Tejo 2016

Representantes de Culturmar asistiron o pasado 18 de Xuño ao Día da Marinha do Tejo convidados pola organización. Este evento que ten lugar en Lisboa anualmente, configurase como unha das grandes celebracións da cultura marítima do Tejo e das súas embarcacións tradicionais. Co obxetivo de preservar a identidade sociocultural e o patrimonio marítimo do Río Tejo, decenas de barcos de tipoloxias da zona tales como catraios, canoas, varinos, botes ou faluas navegan durante a xornada desfilando por diante dun lugar tan emblemático e representativo da cidade como é a o Cais das Columnas ata a Base Naval de Lisboa (Alfeite).
Durante o evento fíxose difusión do vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na súa decimo terceira edición; asímesmo fíxose entrega dunha colección de exemplares da revista Ardentía editada por Culturmar a cada organizador.

Adiada a Volta á Arousa

Por mor da previsión de ventos de mais de 20 nós a ACD Dorna comunica que se suspende temporalmente a XXXII Volta á Arousa. Proximamente farán pública a nova data.

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....