Marinha do Tejo 2016

Representantes de Culturmar asistiron o pasado 18 de Xuño ao Día da Marinha do Tejo convidados pola organización. Este evento que ten lugar en Lisboa anualmente, configurase como unha das grandes celebracións da cultura marítima do Tejo e das súas embarcacións tradicionais. Co obxetivo de preservar a identidade sociocultural e o patrimonio marítimo do Río Tejo, decenas de barcos de tipoloxias da zona tales como catraios, canoas, varinos, botes ou faluas navegan durante a xornada desfilando por diante dun lugar tan emblemático e representativo da cidade como é a o Cais das Columnas ata a Base Naval de Lisboa (Alfeite).
Durante o evento fíxose difusión do vindeiro Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia na súa decimo terceira edición; asímesmo fíxose entrega dunha colección de exemplares da revista Ardentía editada por Culturmar a cada organizador.

Adiada a Volta á Arousa

Por mor da previsión de ventos de mais de 20 nós a ACD Dorna comunica que se suspende temporalmente a XXXII Volta á Arousa. Proximamente farán pública a nova data.

XXXII Volta á Arousa

Actualización: Por mor da previsión de ventos de mais de 20 nós a ACD Dorna comunica que se suspende temporalmente a XXXII Volta á Arousa. Proximamente farán pública a nova data.

 
O vindeiro sábado 25 de xuño terá lugar a XXXII Volta á Arousa, organizada pola ACD Dorna. Algúns chámanlle a "Volta ao mundo en dorna, outros "Campionato do mundo de dornas", o certo é que é a proba máis significativa do calendario das regatas de dornas.

A saída será desde a praia do Bao ás 16:00 h con chegada ao mesmo lugar despois de darlle a volta completa á Illa de Arousa. Lembramos que é preciso ter os seguros ao día e as medidas de seguridade precisas a bordo para participar.

VIII Copa Balbina. 1ª Regata. Sada

O vindeiro sábado 25 de xuño vai ter lugar en Sada a 1ª Regata da VIII Copa Balbina, organizada polos Patexeiros. A convocatoria dos barcos será ás 16:30 e a saída ás 17:00 de fronte á rampa de servizo da Escola de Vela.

Ésta é unha competición que fomenta a participación e a xuntanza das moitas embarcacións tradicionais que existen no Golfo Ártabro polo que o seu regulamento non só asigna puntos aos gañadores da regata senón tamén aos barcos que participen. Na convocatoria de regata hai un amplo extracto do Regulamento da proba. Lembramos a obrigatoriedade de ter os seguros ao día e ter a bordo os elementos de seguridade precisos para poder participar

Paseo literario e toponímico pola Ría de Vigo e a Illa de Ons

O vindeiro 2 de xullo a Concellería de Normalización Lingüística do Concello de Vigo en colaboración co Instituto de Estudos Miñoranos organiza un Paseo literario e toponímico pola Ría de Vigo e a Illa de Ons con saída desde o porto de Vigo.

A talasonimia, as lendas e naufraxios na ría de Vigo e a novela Os fillos do mar de Pedro Feijoo serán os fíos condutores desta viaxe. Os guías serán o novelista Pedro Feijoo, o arqueólogo Xosé Lois Vilar e o investigador da toponimia Gonzalo Navaza.

A viaxe ten un prezo de 12 euros (travesía e visitas, non inclúe a comida), e os interesados deben reservar praza do 20 ao 23 de xuño chamando de 10.00 a 13.00, ao teléfono 986 36 05 75. En cada chamada só se poderán reservar, como máximo, 4 prazas. O paseo é para maiores de 12 anos. As instrucións de pagamento pódense atopar no cartel anunciador

I Regata do Salnés de dornas a vela. Cambados

 
O vindeiro sábado 18 de xuño vai ter lugar en Santo Tomé do mar, Cambados a I Regata do Salnés, organizada pola Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais A Torre. A saída está prevista para as 16:00 h desde o mar nunha zona próxima á Santo Tomé. Lembramos que para poder participar é preciso ter os seguros ao día e ter a bordo as medidas de seguridade precisas (chalecos, remos, rison, etc.)

Debido á coincidencia cunha proba de triatlón está reservada no peirao de Santo Tomé unha zona para aparcamento dos coches e remolques dos participantes (Indicacións). Ao remate da regata habilitarase unha zona na Casa Mariñeira para entrega de trofeos, camisetas e merenda dos participantes.

Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939). Libro

Publicouse recentemente o libro Arquitectura industrial en Vigo (1898-1939). Orígenes, evolución y estado actual (usos y perpectivas de futuro) do historiador Francisco Pérez Fernández, editado polo Instituto de Estudios Vigueses dentro da súa colección Vigo na memoria.

Este libro estuda o patrimonio industrial arquitectónico vigués do primeiro terzo do século XX, tanto o que ainda existe como o xa desaparecido. O autor céntrase no estudo da evolución dos edificios industriais e a presenza dos estilos: eclecticismo, modernismo, rexionalismo e racionalismo e as especiais características que estes presentan na arquitectura industrial viguesa. Este estudo ven cubrir unha época pouco estudada do patrimonio industrial vigués que incluía senlleiros edificios hoxe xa perdidos. Dentro da arquitectura industrial desta época destaca especialmente a relacionada co mar, a maioría conserveiras, pero tamén outras instalacións que daban servizo a estas como as fábricas de latas ou doutro tipo como almacéns de efectos navais.

No blog Brétemas, Manuel Bragado publica un interesante artigo sobre este libro e o patrimonio industrial de Vigo.

(Imaxe: Fábrica de Alonso Santodomingo 1902. Arquivo Municipal de Vigo )

A memoria do sal. Documental

O vindeiro martes, 14 de xuño, ás 20:30 no auditorio municipal de Cangas vaise estrear o documental A memoria do sal, dirixido por Borja Brun e feito cos materiais recollidos pola Asociación Colectivo Fotográfico Abrenoite de Cangas entrevistando a xente do mar xa retirada.

Este documental xunto cun libro e unha exposición forman o proxecto Mariñeiros. A recollida de materiais comezou a principios de outubro de 2015, con fotografías a 182 mariñeiros xubilados e a gravación de 35 vídeos.

Fotos da VIII Regata do Sepelo

O grupo fotográfico Ollares de Portonovo ten público un álbum de case 300 fotos sobre a Regata do Sepelo deste ano.

Excelentes as fotos da regata como excelente é o traballo de difusión da fotografía que fai Ollares de Portonovo.

(Imaxe: Ollares de Portonovo)

O Museo da Pesca de Fisterra está pechado

Desde Semana Santa está pechado o Museo da Pesca de Fisterra, como xa ten sucedido outras veces. O peche está relacionado cos problemas económicos que ten Neria, a entidade que ten a concesión da xestión. Desde o Concello de Fisterra parece que se está intentando solucionar esta situación pero a concesión a Neria segue vixente e a menos que se chegue a un acordo ou a Confraría rescinda o contrato con Neria non vai ser posible abrilo.
O Museo da Pesca de Fisterra é un pequeno museo, moi pequeno en tamaño pero moi grande en interese. Con 10.000 visitas por ano, son innumerables as persoas que logo de visitalo espallan por todo o mundo a imaxe que da nosa pesca e da Costa da Morte levan grazas a Manolo, poeta e mariñeiro, o guía do museo.
Esperemos que pronto se consiga abrir o Museo e sobre todo darlle a estabilidade que precisa para facer ben o seu traballo de difusión da cultura marítima e da Costa da Morte.

(Imaxe: Que pasa na Costa)

Distribuir contido

Hai pouco tempo desde Culturmar elaboramos un pequeno informe, A situación do patrimonio marítimo...
  Acaba de publicarse no DOG a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia....