100 Xurelos.

100xurelos

 

Hai 25 anos un palangreiro partía de Ribeira cara un punto a máis de 300 millas ao NO de Galicia. O seu obxectivo: protestar polos vertidos de residuos radioactivos que se estaban a facer na chamada “Fosa atlántica”.
O Xurelo, un barco con casco de madeira, patroneado por Anxo Vila, levaba a bordo un grupo de ecoloxistas, políticos, e periodistas.
O plan era contactar na Fosa co barco de Greenpeace Sirius e xuntos localizar os cargueiros que transportaban os residuos. Pero unha avaría impedíulle ao Sirius reunirse co Xurelo.
O Xurelo proseguíu a súa busca dos barcos, ata dar con eles, e situouse entre os dous, dificultándolles a manobra de tirar cos bidóns. Nese momento intervíu unha fragata da mariña holandesa, que protexía aos cargueiros, intentando abordar o Xurelo.
Despois de testimoniar a repulsa aos vertidos o Xurelo regresou ao seu porto.
Foi o comenzo dunha forte campaña de oposición aos vertidos, incluidas outras viaxes á Fosa, que conseguiría que pouco tempo despois se paralizasen.

Este sábado, 23 de setembro, a A.C. Altofalante de Ribeira, organiza Xurelo: 25 anos dunha travesía, ás 20:00 no Auditorio Municipal de Ribeira. Ao acto asistirán tripulantes que foron naquelas viaxes, entre os que estaban: Manuel Rivas, Gonzalo Vázquez Pozo, Enrique Álvarez Escudero, Camilo Nogueira, Pili Pereiro, Ánxo Vila, Xurxo Lobato, Manuel Méndez, etc

É importante que se lembren estas cousas, que a xente saiba que naquel tempo houbo un gran traballo feito por moitos, polos que foron no Xurelo e posteriormente no Arosa I, no Pleamar e no Sirius, e por outros que quedaron en terra, que se gañou aquela batalla, e que posiblemente esa viaxe foi o principio da conciencia da defensa do noso mar.

Pódese saber máis do que pasou naquel tempo lendo o libro de María Garcia Añón Desde la fosa de la muerte