3º Encontro de Embarcações Tradicionais na Baía do Seixal


Esta pasado fin de semana 12 barcos da FGCMF viaxaron ao Seixal (Portugal) para participar nos actos do 3º Encontro de Embarcações Tradicionais.
O sábado ás 14 horas aproveitando a marea deuse a saída á 3ª Regata do Ecomuseu Municipal do Seixal, na que participaron perto de 40 embarcacións. A regata resultou preciosa pola variedade de embarcacións, a vistosidade das mesmas, pola perfecta organización e porque a Baía do Seixal permite que dende terra o público poida estar perto das embarcacións e seguir con detalle as súas maniobras.
Posteriormente á regata e nos locais da Asociación Náutica do Seixal tivo lugar a xornada técnica que tratou sobre O património marítimo e a formação profissional – parcerias para o desenvolvimento de profissões ligadas ao mar.
En paralelo ás actividades do mar desenvolveronse nos xardíns do Seixal obradoiros de pintura tradicional de barcos do Tejo, Nós de mariñeiro…
Dende o 22 ao 26 de maio ofreceronse ao público paseos marítimos a bordo de embarcacións tradicionais características do Tejo.
O Encontro do Seixal posibilitou a promoción do Encontro de Muros, pero sobre todo servíu para fortalecer as relacións entre as asociacións galegas e portuguesas, xa que a camaradería e o bo humor estivo presente en todo momento, destacando o xeneroso trato que recibimos as tripulacións galegas, tanto por parte da organización como das propias tripulacións portuguesas que en todo momento estiveron prestos a botar unha man no que necesitaramos.




Actualización: no blog da ACD Dorna hai unha pequena crónica acompañada dunha moi boa serie de fotografías sobre este Encontro.

Etiquetas