A Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, inaugurou en Ferrol, o VIII Encontro de Embarcacións Tradicionais

Eran ás 12:45 horas cando a Conselleira de Cultura fixo a súa aparición,
camiñando soa e apaciblemente, polo Porto de Ferrol. Xunto ao pabillón dos
Museos esperaban por ela, o alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, o
Presidente da Autoridade Portuaria, Amable Dopico, e tamén membros da
organización dos encontros, por unha banda o presidente da Federación
Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, Fernando Piñeiro, e o presidente do
Club do Mar de Ferrol, Bernardo Máiz.

CLUB DO MAR
A música do coñecido gaiteiro e luthier Antón Varela deu incio ao
acto no que Bernardo Máiz explicou o hermoso que era poder organizar un
Encontro destas características nesta cidade, “pero tamén o complexo que
resultaba para xentes amateurs como son os do Club do Mar de Ferrol. Por
iso cómpre dar as gracias a todos os patrocinadores e colaboradores,
especialmente á Consellería de Cultura que depositou un gran interés en
esta iniciativa.” Mentou a Consellería de Pesca, a Deputación de A Coruña,
a Autoridade Portuaria, ao Concello de Ferrol así como a Armada Española, a
Universidade de A Coruña, ao Colexio de Enxeñeiros Navais e, por suposto ao
Museo do Mar. Os uns subvencionan o encontro, os outros aportan as
infraestructuras necesarias para levalo á práctica. Para a Federación
Galega pola Cultura Marítima e Fluvial tivo palabras moi agarimosas, por
teren confiado nas Rías Altas, e “escoller a Cidade Departamental como a
primeira das localidades das Rías Altas en acoller este encontro” Bernardo disculpou a ausencia do representante da
Deputación de A Coruña, Pablo Villamar, que por cuestións de axenda
política non puido acudir.

FGCMF
Fernando Piñeiro, pola súa banda agradeceu o esforzo aos participantes que
dende diferentes puntos da Península Ibérica, ou mesmo dende a Bretaña
francesa, dende as Azores, dende as Baleares, etc, navegan ou viaxan “para
formar parte desta festa da cultura marítima e para dar vida a todas as
actividades dos próximos días”.

AUTORIDADE PORTUARIA
O presidente da Autoridade Portuaria Ferrol San Cibriao, Amable Dopico
recordou “o pasado e o presente navieiro de Ferrol. Os ferrolás xa
construiamos barcos moito antes do século XVIII, por iso estes encontros
resultan tan interesantes, porque dannos a oportunidade de ver onde foi que
as nosas xentes aprenderon a ir en contra do vento”. Agora que segundo
Dopico ”os ventos son máis doados, seremos quen de navegar mellor e máis
rápido e así defender o noso patrimonio cultural e marítimo”.

CONCELLO DE FERROL
O alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, loou a iniciativa dos
ferrolás por traballar para darlle vida á cidade, salientando especialmente
aos homes e mulleres do Club do Mar que preside Bernardo Máiz. Irisarri
anotou que o mar ten máis vertentes que a do sector primario, pesca, e do
secundario, constucción naval. “Queda unha tercera vía moi interesante para
explotar, a do ocio, a do disfrute, a cara amable do mar. Pero para chegar
a ela ou para acadar contratos “como o que Ferrol vai asinar con Australia
para a construcción de barcos de guerra, non hai que esquencer o pasado, a
historia, o legado dos que nos precederon”.

CONSELLERÍA DE CULTURA
Segundo o protocolo, a Conselleira de Cultura interviú en
último lugar. Anxela Bugallo recalcou a feito de que “Galicia sempre tivo
un gran vencello co mar”. De xeito que, cando en calquera ámbito se fala
dalgún tema marítimo, Galicia convértese nun referente. Hai, ao parecer da
Conselleira, ”un binomio cultura-mar que se ten que por en valor”. Por iso
a Consellería decidiu apostar por esta iniciativa e subir a bordo da
proposta da Federación e estar en Ferrol, “unha cidade na que o mar é máis
protagonista que nunca, pola súa herdanza militar, polo seu patrimonio
material e inmaterial, por fondos bibliográficos como o da magnífica
biblioteca do Museo Naval.” Agora cómpre que ese foco da historia que é a
Cidade Naval, o sexa tamén do ocio e do turismo de mar. “Para nós este
encontro é o punto de partida para unha longa travesía que nos levará a
Brest no 2008. Porque foi esta cidade francesa a que recoñeceu que Galicia
merecía ser a convidada de honra no seu encontro”. Dende ese orgullo, matizou Bugallo, “seguiremos traballando
sabendo o que é ser xente de mar”.

(texto: servico de prensa do VIII Encontro)

Etiquetas