A FGCMF apoia aos xeiteiros

A proposta do Parlamento e do Consello europeos de prohibir todas as redes de deriva pon en perigo ao xeito. Esta proposta nace dos abusos reiterados no uso das grandes redes de deriva industriais. O xeito é unha arte de deriva artesanal, usada desde hai máis de 600 anos nas rías, e que produce unha pesca moi selectiva, en tipo e tamaño do peixe capturado, e respectuosa coas aves e mamíferos mariños.

A FGCMF manifesta o seu apoio aos xeiteiros na súa reivindicación de que non se prohiba o xeito, de que se modifique a proposta para permitir o uso de desta rede de deriva artesanal. Son moitas as familias que dependen do xeito, para as que o xeito é o seu medio de vida. Nalgúns portos, como Rianxo, a flota dos xeiteiros é numerosa e supón unha porcentaxe moi alta. Non se entende que o estudo da costa atlántica no que se baseou a proposta non mencione o xeito, nin sequera a Galicia.

Estes días estiveron en Bruselas unha representación dos xeiteiros. Reuníronse con Hubert Gambs, director xeral de Asuntos Marítimos e Pesca da Comisión Europea, con Fabrizio Donatella, xefe da Unidade de Conservación e Control da Pesca, e con Alain Cadec, presidente da Comisión de Pesca do Parlamento. Desde as institucións parece que entenden o problema e hai boa disposición para buscar unha solución, pero o certo é que aínda non hai nada confirmado.

Os xeiteiros teñen unha longa historia de preitos e loitas polo seu dereito a pescar. No século XVI tiveron que enfrontar os grandes cercos que empezaron a usarse a finais do XV, no XVIII a chegada da xávega supuxo uns fortes enfrontamentos entre os xeiteiros e os fomentadores. E xa no cambio de século ente o XIX e o XX primeiro o enfrontamento foi coas traineras e logo coas tarrafas. Pese a todo, o xeito segue vivo.

Os principais argumentos para conservar o xeito deben ser os económicos, sociais e ambientais: é unha arte sostible, supón o medio de traballo de 427 barcos e é unha arte selectiva e respectuosa co medio. Pero hai tamén razóns culturais. O xeito dounos un importantísimo legado cultural. A lancha do xeito é un dos iconos do noso patrimonio marítimo e non haberá galego que non cantara algunha canción onde se fale do xeito. O xeito forma parte de nós.

Desexamos que esta situación teña unha boa solución e que finalmente os xeiteiros volvan pescar como levan facendo centos de anos.

(Imaxe: A representación dos xeiteiros diante do Parlamento Europeo. Praza pública)

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *