A FGCMF participa en Sail and Oar 2010, na Illa de Cumbrae en Escocia.

A FGCMF acaba de participar en Sail and Oar, en Millport, na illa escocesa de Cumbrae. O evento foi organizado por Galgael e Cumbrae Community Development Company, dentro das actividades do Proxecto Dorna en Escocia. Participaron no evento barcos de Escocia, Gales, Irlanda, Pais Vasco e Galicia, e houbo presencia de varios constructores navais escoceses.
A Federación desprazou ata Cumbrae catro barcos (dorna, dorna de tope, buceta e gamela), 6 persoas e material informativo (publicacións, folletos, etc.) Na mesma expedición tamén se transportou o material enviado pola Deputación de Coruña e a Consellería do Mar, socios ambos do Proxecto Dorna, e con presencia no evento.

O bo tempo que tivemos os dous días permitiu que os barcos navegasen sen problemas, sobre todo polas tardes, xa que polas mañáns o vento era frouxo. O pouco vento non afectou ao grande número de barcos escoceses de remo que tiveron oportunidade de bogar en óptimas condicións.
Foron moitas as persoas que se interesaron polos nosos barcos, e que fixeron preguntas sobre como se chamaban, construían, ou patroneaban. Os barcos estiveron fondeados polo que só se podían ver con detalle cando se achegaban a terra para embarcar xente, pero estiveron facendo largos continuamente fronte á praia para que a xente poidese aprecialos. A vela de relinga chamou a atención, sobre todo pola forma de facer a maniobra de virada.

En Cumbrae tamén estaban carpinteiros de ribeira galegos que estaban a visitar estaleiros escoceses dentro dos actos programados no proxecto Dorna, xunto con persoal do COAG, da Consellería do Mar e da Deputación da Coruña.

Dentro do evento presentáronse parte dos traballos do Proxecto Dorna: a base de datos para o inventario de embarcacións e estaleiros, a marca BATE, e as visitas a estaleiros de Galicia, Portugal, País Vasco e Escocia.

Foi unha boa experiencia para todos e esperamos que desta viaxe nazan lazos cos amigos escoceses e irlandeses que propicien intercambios de experiencias e novos encontros.

No blog da ACD Dorna tendes un resume do vivido pola nosa expedición, tamén hai un album de fotos de Francisco Vazquez Grandal, unha crónica do mesmo autor, e outras fotos no album deste sitio web.

Etiquetas