A gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia. Seminario

O Centro Tecnolóxico do Mar acollerá o 10 de decembro o I Seminario “A Gastronomía do mar como valor engadido do turismo mariñeiro en Galicia”, un evento que permitirá coñecer as propostas de cociñeiros de prestixio para achegar o mar ao consumidor e as apostas do sector pesqueiro para innovar e diversificar os produtos pesqueiros.

O seminario, que dará comezo ás 9.30 horas e que finalizará as dúas da tarde cunha cata de paté de percebe, enmárcase dentro do proxecto Pesca-Turismo que está a levar a cabo o CETMAR en colaboración co Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia –IDEGA- da Universidade de Santiago. O devandito proxecto, financiado a través do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica (INCITE), pretende a definición dun novo modelo turístico baseado no patrimonio cultural e gastronómico das vilas costeiras galegas.

Neste seminario participarán membros de confrarías, mariscadores, representantes de conserveiras, cociñeiros e periodistas, que porán en común experiencias e proxectos sobre as posibilidades da gastronomía como elemento do turismo mariñeiro en Galicia.

As prazas son limitadas e no programa poderedes ver con detalle as intervencións previstas e a forma de inscrición.

Etiquetas