A Memoria do Mar. Web e exposición

Hoxe, 22 de decembro presentouse o resultado do proxecto A memoria do mar, no Museo do Mar, en Vigo.
Os técnicos do museo recolleron 4000 imaxes procedentes de máis de 200 doantes en 25 localidades da costa.
Con estas fotografías prepararouse unha exposicion que se mostra no Museo ata o 1 de febreiro e que logo fara itinerancia polas confrarías de Galicia.

Componse dun total de 41 imaxes de 20×25 divididas e tres bloques temáticos: Cos pés no mar, Do areal ao peirao e O Mar Mirado.

Cos pés no mar céntrase en imaxes da beiramar como espazo fronteira, como límite entre dous mundos -a terra e a mar-, como eixo central na vida e no tránsito dos pobos costeiros galegos. Barcos que chegan, descargas de peixe, peixeiras, redeiras, reparto de quiñón entre os mariñeiros e tránsito de xentes. Reflicte a intensa actividade dos peiraos, o dinamismo do mundo da pesca, a vitalidade na ribeira das vilas.

Do areal ao peirao recolle, en primeiro lugar, as imaxes daqueles areais de primeiros de século, transformados en instalacións portuarias naturais. Tamén, a evolución dos varadoiros posteriores e a progresiva mecanización do traballo portuario, coa aparición dos guindastres, as poxas ou as cámaras de frío.

O Mar Mirado é o mar coma obxecto, e mesmo como fondo da fotografía, a imaxe coma testemuña do paso das autoridades polo porto, a fotografía profesional de coidada composición ou a fotografía familiar, improvisada, onde os seus protagonistas pousan sorrintes arredor dunha gamela. Praia coma espazo de lecer e de traballo, de cerimonia o de recordo turístico: vida, paso do tempo.

Tamén se presentou o web do proxecto onde se poden ver todas as fotografías recollidas nunha resolución bastante grande.

Etiquetas

2 cometarios sobre “A Memoria do Mar. Web e exposición

  1. A verdade é que faltan algúns datos. Son case 150 as fotografías expostas e tamén se presentou o libro “O futuro era inmenso… fotografía e memoria de José Rodríguez Vilas”, un maquinista en Terra Nova que tivo a idea de mercar unha AGFA ISOLA en 1959.

    Saúde e mar

Comments are closed.