A música do XI Encontro

A menos dun mes para o Encontro está pechada a oferta musical do evento. Teremos música os catro días e de moi variado tipo. Á que haberá que engadirlle a que acheguen as tripulacións, como en pasados Encontros.

O venres 12, tras a a actuación do grupo de rock local The Wayfarers, subirán ao escenario da Ribeira do Freixo dúas das propostas máis frescas e novidosas do actual panorama musical: Terbutalina, banda punk de músicos muradáns que acaba de ser finalista dos Premios da Música Independente, achegará cancións, verdadeiros himnos entre a mocidade, dos seus últimos traballos, “Hostias para todos” e “Ritmo serbio”. Pecharán a velada desa noite a compositora e cantante coruñesa Sés e a súa banda. O seu recentísimo traballo, “Co xenio destrozado”, está a remover a paisaxe musical peninsular coa súa proposta de ritmos nacidos de diversas influencias (blues, música tradicional e ritmos sudamericanos) e a frescura e contundencia das letras reivindicativas.

A música de raíz será a raíña dos concertos do sábado 13: O medio cento de músicos e voces de SonDeSeu, unha das primeiras orquestras de folk contemporáneo europeo, dirixida por Rodrigo Romaní e que acadou hai dous anos o Premio da Crítica da Música de Galicia, atopará esa noite o marco privilexiado: o seu disco “Barlovento” foi adicado aos homes e mulleres que se senten herdeiros do patrimonio marítimo galego. Pechará a velada sabatina o sexteto Os Cempés, agrupación folk de Ferrolterra, coa súa música de raíz popular, festeiramente orquestrada coa fusión de metais e instrumentos tradicionais: un fin de festa con “música para namorar, bailar e rir”.

A primeira xornada, festa de San Benito do Freixo, será a orquestra Palladium quen amenice a verbena. O ramo musical ao Encontro poranllo o domigo as corais locais: O Peirao do Freixo, Xuvenil Solpor do Freixo e Francisco Añón do Centro Social de Outes.

As mañás e as tardes das catro xornadas estarán amenizadas por unha decena de agrupacións de música tradicional, grupos de gaitas, pandeireteiras e cantareiras, charangas e a Banda Municipal de Outes. Comprometeron a súa presenza diversos agrupacións locais (Agrupación Folclórica Municipal de Outes, O Peirao do Freixo, Cantareiras de San Orente, Onde Brass?); outras da bisbarra (Salgueiriños e Joaquín Vieta de Noia); as festeiras agrupacións boirenses Lumieira e Arume; e a charanga, integrada por músicos veciños de Muros e Carnota, Os Tabernícolas do Leiradal.

Etiquetas