A Roncadeira, gamela guardesa de vela adaptada

O venres 17 de outubro ás 12:00 vaise presentar no porto da Guarda o Proxecto Gamela Guardesa de Vela Adaptada, co seu magnifico resultado, a Roncadeira, unha gamela guardesa adaptada para que os/as discapacitado/as poidan gozar da navegación nunha embarcación tradicional. No Museo do Mar da Guarda haberá tamén unha exposición sobre o proxecto realizado.

O Proxecto Gamela Guardesa de Vela Adaptada foi promovido polo Concello da Guarda co apoio do GAC 7 e do Club Alagua, e o deseño da embarcación foi feito por 3DNAV. O proxecto non só consiste na construción dunha gamela adaptada, senón tamén preparar as instalacións necesarias na zona da Pasaxe no Miño para que sirva de base á gamela e unha mellora das instalacións do Club Alagua que será o encargado de dinamizar esta embarcación.

Este proxecto é un magnífico exemplo do que é posible acadar creando un novo produto a partir dun barco tradicional para cubrir unha necesidade importante das persoas con discapacidades.

O sitio web do proxecto é de visita obrigada. Non só se pode seguir a construción da gamela senón tamén a xustificación detallada do deseño e unha importante cantidade de boas fotografías e información sobre as gamelas, tanto as guardesas como as coruxeiras.

Parabéns a todos/as os que traballaron neste proxecto, é algo do que estamos seguros se sentirán orgullosos/as.

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *