A xeiteira Nova Marina rematou a “posta a punto” dos 20 anos

A Nova Marina pasou o inverno na Aixola, en Marín, onde naceu hai máis de 20 anos. Regresou alí para que os carpinteiros a deixaran como nova, lista para durar outros 20 anos. Xa está feita a tarefa e dentro de pouco volverá para Arousa.

A Nova Marina é o exemplo de como un pequeno investimento público pode dar uns altos rendementos sociais. Este barco que pertence á Consellería do Mar, sirveu para que se formasen carpinteiros de ribeira na súa construción e agora na súa reparación, representou a Galicia en Brest 92, Douarnenez, estivo en todos os Encontros, e volveu representar a Galicia en Brest 2008. Pero o máis importante é que todos os anos navegou, por ela pasaron centos de persoas que sentiron o que é navegar nunha lancha de relinga, e axudou a espallar o coñecemento do patrimonio marítimo galego a flote do que se pode decir que é insignia.

Pero a clave deste rendemento social está nas persoas, nas que traballaron in extremis para que non se perdera este tipo de barco, as que a construíron, e sobre todo as que a fixeron navegar. A Consellería cedeu hai uns anos a lancha á ACD Dorna que a integrou na Escola de Navegación Tradicional. Desde entón a ACD Dorna encargouse do seu mantenemento, pero sobre todo encargouse de facela navegar con patróns experimentados, de levala a multitude de xuntanzas, Encontros, etc. e de acoller a toda persoa que quixera navegar nela.

Parabéns á Aixola 20 anos despois polo seu traballo e parabéns á ACD Dorna por mantela viva para todos.

(Imaxe Album Facebook da Aixola)

Etiquetas