A Xunta estudiará unha alternativa para manter a integridade dos estaleiros de Carlagho e Casqueiro en Moaña

O pasado mércores 17 de decembro, representantes da FGCMF entrevistáronse co Xefe Territorial de Pontevedra da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, D. José Luís Díez Yáñez. A entrevista, convocada polo propio Xefe Territorial, tivo como obxectivo informar á Federación sobre os antecedentes e o estado de tramitación do expediente para a continuidade do paseo marítimo da Seara en Moaña. Esta entrevista veu propiciada polo envio á Adminstración do manifesto aprobado en Moaña pola pasada asemblea da FGCMF

O mencionado proxecto, na súa redacción actual, como xa temos falado anteriormente, contempla o retranqueo dunha das carpintarías nuns cinco metros con reposición da súa fachada e a elevación da cota para salvar as mareas. Porén a delegación da Federación explicoulle que tendo en conta as características arquitectónicas das naves, existe un risco moi alto que a operatividade das carpintarías se vexa seriamente afectada e mesmo que o risco de derrube sexa tamén moi alto. Asemade, e tal como se salientou no manifesto para a súa conservación, calquera afección á funcionalidade destas carpintarías, actuaría en contra do proxecto de creación dun núcleo etnográfico de uso social, chamado tamén ecomuseo, prexudicando, xa que logo, ao potencial moañés en materia de turismo cultural sostíbel. Non obstante os técnicos da Consellería opinan que estes problemas poden ser solventados co actual proxecto.

Pola súa parte José Luís Díez, que estaba acompañado polo Xefe do Servizo de Infraestruturas, D. Fausto Núñez, manifestou o seu interese para que este tipo de intervencións non afecten aos proxectos de desenvolvemento cultural que se leven a cabo nesas carpintarías. Ao efecto, a delegación da Federación, integrada por membros da súa Xunta Directiva e da Asociación Sueste de Moaña, entregoulles un estudo alternativo que preserva a súa integridade e que mesmo non restrinxe as actividades de dinamización que se leven a cabo. Dita alternativa foi valorada positivamente por José Luís Díez quen se comprometeu a buscar unha solución técnica e economicamente viábel que sexa satisfactoria para todas as partes.

Finalmente a Federación agradeceu a José Luís Díez a convocatoria desta reunión que pode servir para que o necesario proxecto de rexeneración e ordenación urbana da Seara, que leva implícito o acondicionamento da franxa costeira e construción dun paseo marítimo, sexa compatíbel con actuacións de dinamización cultural e posta en valor do patrimonio marítimo moañés tanto material como inmaterial.

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *