Alistando os barcos para a tempada

A pesar das choivas os membros dos colectivos da FGCMF están a traballar duro para ter os barcos listos a tempo para as primeiras actividades. Facendo un pequeno repaso non exhaustivo, o vindeiro 17 de maio empeza a tempada e na Arousa a ACD Dorna traballa contra o reloxo para ter os barcos a punto: a xeiteira Nova Marina xa está no mar e tamén a Peza de Rabo e outros barcos. En Portonovo os Amigos da Dorna teñen a Jatiña lista, xunto con algunha dorna máis e acaban de levar a Surfeira, á súa nova dorna nai, ao taller de Garrido co plan de tela rematada este verán. E no Grove Dorna Meca tamén ten a Meca cunha nova quilla e outros barcos listos para navegar. Máis ao sur, en Bouzas a choiva dificulta pero non impide o traballo dos Mariñeiros de Bouzas que xa teñen varios barcos no mar, entre eles a traineira Vigo 5.

E por suposto no norte os Patexeiros remataron este sábado a quinta edición do seu curso de carpintería de ribeira ao tempo que lle deron un bo pulo á Balbina, o último patexeiro, e a outros dos seus barcos.

(Imaxes: A Nova Marina, ACD Dorna; a Surfeira, Amigos da Dorna; a Balbina, os Patexeiros)

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *