Apoios para o Hidria II

A situación pola que está a pasar o Hidria empeza a xenerar apoios ós propietarios desta embarcación, e por extensión, aos doutras que se atopan con problemas similares.
Os Amigos do Museo do Mar fixeron público un comunicado no que piden a colaboración de todos, especialmente da administración, para que este problema se solucione.
Este é comunicado dos Amigos do Museo do Mar:

Unha parte do noso patrimonio marítimo en venda

O Hidria Segundo, único barco a vapor funcionando en España, buque insignia de Galicia nos Encontros de Brest e sede das Xornadas celebradas durante os VIII Encontros de Embarcacións Tradicionais celebrados en Ferrol no verán do 2007, está a venda.

O Hidria Segundo orixinariamente dedicouse a buque alxibe na Ría de Vigo xunto co tristemente desguazado Roberto, tamen de vapor, para o transporte e aprovisionamento de auga para buques. O Hidria comezou unha nova singradura no ano 1997 converténdose nunha embarcación dedicada ao turismo náutico e á realización de iniciativas histórico-culturais, sendo no ano 2006 o barco da memoria e visitado como tal por milleiros de persoas.

O Hidria II usa propulsión a vapor ( a sua maquina e de 1905) e é un magnífico atractivo dos nosos mares e da nosa cultura. Un museo flotante e vivo que agora, os seus xestores vense obrigados a por en venda ante a falta de apoios e ingresos regulares. Esta xoia dos mares que este mes de xullo puidemos ver navegar en Brest precisa da colaboración de todos e da protección institucional
para acadar unha solución que impida que unha parte do acervo cultural galego desapareza ou caia en mans pouco sensibles. A grave situación do “Hidria” non é a única, pois hai outras embarcacións que levan anos deixados a súa sorte. É preciso para evitar isto unha política sostida no tempo que posibilite unhas condicións estructurais acaídas para activación do noso patrimonio marítimo e que se implemente un rexistro de buques de interese patrimonial, onde figuren aqueles considerados B.I.C.

Víctor Fernández (Presidente da Asociación de Amigos do Museo do Mar de Galicia)

Maís información no Faro de Vigo

Etiquetas