Arredor do mar. Fotografías do Museo de Pontevedra . Exposición

O vindeiro xoves 11 de outubro ás 19:00 h vai inaugurarse no Museo do Mar de Galicia a exposición Arredor do mar. Fotografías do Museo de Pontevedra, que permanecerá aberta ata o 6 de xaneiro de 2013.

Esta exposición mostra 64 fotografías de temática mariñeira dos fondos do Museo de Pontevedra. As fotos tomadas entre finais do século XIX e mediados do XX, corresponden a obra tanto de fotógrafos profesionais como de grandes afeccionados. Entre os profesionais están Francisco Zagala (a imaxe de arriba mostra a Moureira a finais do XIX), Lorenzo Novás, Joaquín Pintos, Otto Wunderlich, Enrique Sarabia ou José Suárez, e entre os afeccionados o empresario vigués Martín Echegaray, o xuíz José Bellver, o comandante de infantería Julio Fernández de los Ríos ou o italiano Atitilio Gaggero, moi ligado ás empresas conserveiras de Bueu.

Esta exposición comisariada por Mª Cristina Echave Durán, conservadora do arquivo gráfico do Museo, e coa colaboración no proxecto e documentación de Mª Reyes Camiña Castro e José Manuel Castaño García, pode darnos unha idea da riqueza do fondo fotográfico do Museo de Pontevedra. Por exemplo hai unha fotografía de Joaquín Pintos que documenta a protesta dos mariñeiros do xeito contra a arte da traiña durante a visita da raiña rexente Maria Cristina e o seu fillo o principe Alfonso, futuro Alfonso XIII. E tamén podemos ver algunhas das fotos da serie Beiramar de Suarez, o fotógrafo que fixo a foto que sirveu para facer o cartel do primeiro Encontro.

Etiquetas