As subvencións da Deputación de Pontevedra para as embarcacións tradicionais

Ven de publicarse no BOP a lista de subvencións que a Deputación de Pontevedra concedeu no terceiro trimestre deste ano. Entre elas aparecen as destinadas ao apoio ás embarcacións tradicionais para a súa rehabilitación ou mellora (aproximadamente 52.000 euros). A Deputación de Pontevedra historicamente foi un apoio fundamental para o patrimonio marítimo flotante, as súas axudas están detrás de moitos dos barcos tradicionais da provincia. Temos dito moitas veces que sen persoas que termen dos barcos non hai futuro para o patrimonio, que os barcos queren navegar, pero é tamén certo que sen a implicación das administracións non sería posible ter chegado á situación actual, onde podemos ver nas rías galeóns, traineras, dornas de tope, etc.

Os cartos que se empregan na restauración do patrimonio a flote repórtannos a todos un gran retorno. Axudan a manter o patrimonio que é de todos, pero ao mesmo tempo axudan á socialización dese patrimonio cando apoian o traballo das asociacións sen ánimo de lucro, e axudan a que permaneza a actividade das carpinterías de ribeira, axudan a manter unha actividade económica que ten un importante componente patrimonial.

As asociacions da FGCMF traballan arreo todo o ano para manter os seus barcos, invisten tempo, traballo e cartos en alistar os barcos para navegar e as axudas que reciben das administracións permiten que o froito dese traballo sexa moito maior do que sería se non existisen esas axudas.

Entre os 12 destinatarios das axudas da Deputación de Pontevedra este ano estiveron as seguintes asociacións da FGCMF:

Asociación Sueste
Asociación Calmoseira
Asociación Cultural Dorna
A.C.D.X. Fasquia
Amigos da Dorna de Portonovo
Asociación Marineros Artesanales S. Miguel de Bouzas
Asociación de Amigos da Dorna Meca

(Imaxe: A Meca, un dos barcos de Amigos da Dorna Meca que recibíu axudas, foto José Manuel Triñanes)

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *