Baía de Corcaigh: a FGCMF na Rebel Raid’ 14

Os amigos irlandeses de Naomhóga Chorcaí convidaron a FGCMF a participar no Rebel Raid’ 14. O Rebel Raid é un evento consistente nun percorrido itinerante de tres dias polos múltiples currunchos que oferece a ampla baía de Corcaigh (Cork), unha sinuosa ría formada polo anegamento dun antigo val glaciar, de augas pouco profundas e salpicada de pequenas vilas, illas e canais.

Pepe e Maribel foron as persoas que asistiron ao Rebel Raid en representación da FGCMF, onde se xuntaron cos case 50 participantes de Irlanda, Holanda e Francia. Os nosos representantes ademais de participar no evento aproveitaron a viaxe para establecer novas relacións e amosar o traballo que desenvolve a FGCMF, entregando unha selección dos materiais editados ou producidos pola Federación. A maiores destes materiais tamén se levaron varios exemplares do libro Un galego en Irlanda, de Plácido Castro, que amablemente nos forneceu a Fundación Plácido Castro a que lle damos as grazas.

Pepe e Maribel fixeron unha boa crónica da súa participación no Rebel Raid e que vos pode dar unha idea das características deste evento. Agradecemos aos amigos de Naomhóga Chorcaí o convite e a excelente acollida que deron á nosa xente.