Brest e Vilagarcía. Dúas formas de ver o mar ben distintas

A Asamblea da FGCMF que terá lugar hoxe tratará como temas principais o convite que recibimos para participar en Brest2012 e a situación en que a actitude do alcalde de Vilagarcía deixa a organización do pasado X Encontro, e como esta situación compromete o traballo feito desde hai 20 anos e o futuro dos Encontros.

Esto é o que dixo o alcalde na inauguración do X Encontro en Carril

Pero do falado nada.

Este é o texto da nota de prensa enviada aos medios sobre esta asamblea de hoxe:

O convite para participar na Festa Marítima de Brest 2012, asunto central da asemblea da Federación Galega pola Cultura Marítima de Fluvial que terá lugar o vindeiro 3 de marzo.

A organización do evento pon a disposición da Federación unha carpa, un espazo público e farase cargo dos gastos de manutención e aloxamento da delegación. A Federación disporá asemade de 12.000 para sufragar gastos, garantindo deste xeito o éxito internacional do evento.

O azar, ou máis probablemente dúas formas distintas de sentir a cultura marítima, vai facer que dúas novas antagónicas centren os debates da vindeira reunión da asemblea da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF), a celebrar o vindeiro sábado 3 de marzo pola tarde.

Por unha banda a Xunta directiva da FGCMF vai informar do convite cursado pola organización da Festa Marítima de Brest á propia FGCMF para representar a Galicia na parada náutica que este ano denominase Les Tonnerres de Brest. Celébrase, xa que logo, o vixésimo aniversario deste evento, o máis importante de Europa de vela clásica e tradicional e a organización quere convidar a todos aqueles países que axudaron a forxar o carácter internacional desta Festa.

A cidade de Brest, coñecedora do atractivo turístico pero tamén da necesidade de salvagardar os saberes tradicionais ligados ás embarcacións, non só apoiará á delegación galega nos aspectos loxísticos necesarios para garantir a presenza dos barcos galegos. Tamén poñerá a disposición da FGCMF unha carpa e un espazo ao aire libre para dar a coñecer aos visitantes a esencia da cultura marítima galega. Xunto con este equipamento, que inclúe electricidade, auga e servizos sanitarios, a organización sufraga tamén os gastos de estancia e manutención da delegación e mesmo fai unha achega económica de 12.000 euros.

Esta aposta pola cultura marítima tradicional dos nosos veciños franceses contrasta fondamente coa actitude amosada polo alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, o anfitrión do X Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, celebrado en Carril no mes de xullo do ano pasado. A súa negativa á referendar os acordos da Corporación municipal, desentendéndose dos compromisos para o apoio organizativo, loxístico e económico deste evento, traduciuse, desgraciadamente, nun desfase para a FGCMF de preto de 21.000 euros entre os gastos e as achegas. Cantidade que, outra vez máis pola intransixencia do alcalde, non foi recoñecida como unha débeda por parte do Concello arousano, a pagar con cargo ao orzamento do 2012. O alcalde Tomás Fole, fixo uso do seu voto de calidade para impedir dito recoñecemento, cargando á FGCMF coa débeda . Así cousas, a FGCMF debaterá si compre lanzar a convocatoria do Undécimo Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia, previsto para o ano 2013, ou suspendelo ata o ano 2014 agardando que a débeda contraida no Décimo Encontro sexa sufragada.

Vidas paralelas, finais distintos. Brest celebra o vixésimo aniversario da súa Festa. O Concello, como bo anfitrión, facilita a chegada de convidados vidos de todas as partes do Mundo. A FGCMF celebraría dita efeméride o vindeiro ano. Porén, unha decisión política en contra do consenso dunha corporación, pode facer inviábel dita celebración. Todo por unha cantidade económica ínfima para un concello da categoría de Vilagarcía. Cantidade que aproximadamente ofrece a vila de Brest para ter unha representación galega na súa festa.

Posto que estamos en terras arousáns, esta historia non deixa de ser un esperpento propio de don Ramón María del Valle-Inclán: a Federación non poderá celebrar o vixésimo aniversario da súa festa máis importante por unha débeda non recoñecida polo anfitrión do X Encontro, o alcalde de Vilagarcía de Arousa, Tomás Fole, mentres que pola mesma cantidade a Federación é convidada polo alcalde de Brest, François Cuillandre, a celebrar o vixésimo aniversario da súa Fête Maritime. O azar quixo que ambos eventos coincidiran no tempo. Dous xeitos antagónicos de comprender e acometer os compromisos políticos e a dignificación da cultura marítima fai que a Federación sexa recoñecida hors maison mentres debate a súa propia existencia por culpa dun alcalde galego. Cousas veredes…

Etiquetas

Un comentario sobre “Brest e Vilagarcía. Dúas formas de ver o mar ben distintas

Comments are closed.