Cambados á beira do mar

[img_assist|nid=1112|title=|desc=|link=popup|align=left|width=100|height=68] O venres 23 de marzo presentouse no Pósito de Mariñeiros e Mariscadoras de Cambados (oficialmente “Confraría de Pescadores”) o programa Cambados á beira do mar co que se quere valorizar a cultura mariñeira desta vila do costado de leste da ría da Arousa. Ademais, mostrouse material didáctico e estreouse un documental de 20 minutos sobre o traballo da xente do mar de Cambados.

Con este proxecto a asociación “Guimatur”, formada por 17 mariscadoras e 2 atadoras do Pósito cambadés, e a empresa “Intramar”, pretenden dar a coñecer a pesca artesanal e o marisqueo a flote na ría da Arousa, o marisqueo a pé no banco do Serrido na desembocadura do Umia e no Saco de Fefiñáns, a vida e os costumes nos barrios mariñeiros do concello e o rico patrimonio cultural, incluída a gastronomía, vencellado co mar.

As visitas guiadas pola beiramar e polos bancos marisqueiros son a cargo das mariscadoras de “Guimatur”, mentres que as travesías polas augas da Arousa poden facerse na tarrafa “Chasula” (na foto), barco de cerco das Rías Altas que a empresa “Intramar” rehabilitou para aula-obradoiro mariño e para navegar polas rías. O “Chasula” é unha boa mostra da transformación da pesca artesanal á pesca industrial en Galicia, alá pola década de 1960, que coincide no tempo coa chegada dos motores a gasóleo.

Actualización: engadida ligazón ao web de Beiradomar.

Información de Francisco Fernández Rei