Carta aberta do Grupo Etnográfico “Mascato” en solidariedade con Dionísio Pereira

Dionísio Pereira foi denunciado por unha frase escrita no seu libro A IIª República e a Represión franquista no Concello de Cerdedo. Podedes ter máis información sobre o caso en Vieiros. A continuación tendes a carta aberta de Mascato sobre este suceso.

As persoas que compoñemos o Etnográfico “Mascato” dedicámonos, sobre todo, á investigación e á divulgación do ricaz patrimonio marítimo de Galiza e, moi especialmente, do patrimonio do Mar da Arousa. Non estamos, xa que logo, afeitos a facer manifestos e declaracións públicas; pero agora que Dionísio Pereira, caderna mestra do noso colectivo, é denunciado como consecuencia dos seus traballos de investigación no ámbito da Memoria Histórica non podemos nin queremos ficar mudos.

Quen coñeza a historia do movemento pola recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo e fluvial de Galiza é sabedor do papel fundamental xogado por Dionísio Pereira para a articulación dun tecido asociativo que permitise a visualización do dramático estrago que se estaba (e se está) a producir nas nosas ribeiras . E quen valore positivamente o éxito que supón a existencia da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, da que Dionísio foi membro fundacional e o seu primeiro presidente, debe saber que o traballo deste investigador e axitador cultural nunca foi presentar unha realidade edulcorada para satifacer a autocomplacencia e o conformismo.

Porque coñecemos a Dionísio e sabemos do rigor dos seus estudos, porque acreditamos na súa honorabilidade e integridade, porque partillamos do seu interese por levar a luz das leccións da historia aos dominios da interesada negrura fascista, por todo isto estamos e estaremos con el para que ninguén cale a súa voz.

Mostramos tamén a nosa fraternal solidariedade coa Asociación Ecoloxista e Cultural da Terra de Montes”Verbo Xido”, colectivo no que desenvolve Dionísio o traballo polo que agora está a sufrir a ameaza do silenciamento obrigado.

A quen pretenda calar a verdade dirémoslle que “a verdade, como o aceite, sempre vén á tona da auga” e que “a mentira monta na garupa da dúbida”. Son refráns, son ditos: nós non sabemos facer manifestos.

Cambados, 14 de febreiro do 2007

Etiquetas

4 cometarios sobre “Carta aberta do Grupo Etnográfico “Mascato” en solidariedade con Dionísio Pereira

  1. Se nos tiram a memória tiram-nos tudo…
    Por mais que doa a verdade é a verdade.
    É tempo de reconciliação, de virar a página negra da vossa história, porque todos temos historias menos boas.
    Anima-me amigo Dionísio, a história está do teu lado e a historia não se silencia.

    João Baptista, Barcos do Norte

  2. Tivemos estos días na redacción de Ardentía moitas chamadas de apoio para Dionisio. Dous colaboradores habituais da nosa revista pídennos que fagamos constar explicitamente a súa solidariedade, son Manuel P. Rúa, de Moaña, e Orlando Viveiro, de Outeiro de Rei.
    En nome de Mascato e do proprio Dionisio grazas a todos e todas.

    Luís Rei

    1. Sabemos que a historia sempre a escribiron os vencedores. Pero nós non nos consideraremos nunca vencidos.
      A verdade só ten un camiño.

Comments are closed.