Catro novas dornas

O pasado 17 de maio na Festa das Letras botaronse ao mar catro dornas polbeiras na Illa, unha da Illa e tres do Grove. Como outros anos a ACD Dorna inicia ese día a súa tempada de navegación, e como outros anos é o día de botar ao mar ao son da Marcha do Antigo Reino de Galicia os barcos novos ou recuperados.

A Soiña é unha dorna de traballo que ía as centolas e que foi recuperada para a navegación de lecer. As outras tres dornas, a Calloa, a Caropa e a Lourdes, son novas. As tres feitas por carpinteiros do Grove para armadores do Grove.

A Calloa é unha dorna que vai dar moito que falar, porque mantendo as características básicas dunha dorna incorpora detalles totalmente novidosos no mundo das dornas polbeiras. Esperemos que participe no XI Encontro para que poida ser vista por todos. Parabéns ao seu armador e ao seu construtor porque sempre é bo que mantendo a esencia da tipoloxía se incorporen innovacións aos barcos, logo o tempo dirá se terán ou non continuidade.

E parabéns aos armadores das catro dornas porque inda que a dorna é un barco moi eficiente economicamente e dificilmente se pode facer un barco coas súas prestacións usando menos man de obra ou menos madeira, inda así ter unha dorna supón un forte compromiso co barco e estes catro armadores en tempos duros son quen de investir cartos e tempo e ilusión nestes barcos.

Etiquetas