Centenario do Joaquín Vieta

O vindeiro 23 de xullo ás 18:30 h vai ter lugar no Freixo a conmemoración dos cen anos da botadura do Joaquín Vieta. O Vieta é un balandro de dous paus, con 18 metros de eslora, construído no Freixo entre 1915 e 1916. Orixinariamente traballou para as fábricas de salga, fixo cabotaxe, de barco bateeiro, batea e finalmente restaurado traballa como barco-museo en actividades de turismo cultural. Unha longa vida de 100 anos.

A Asociación Joaquín Vieta quere celebrar o centenario do seu barco rememorando o que hai 100 anos era a botadura dun barco como o Vieta. No programa está previsto que o barco estea engalanado, haxa recepción de autoridades, bautismo do barco pola madriña, botadura, e finalmente festa. O acto estará acompañado no mar polos barcos tradicionais da ría de Muros e Noia.

En días previos a este acto de conmemoración haberá a presentación do libro Centenario do balandro Joaquín Vieta, e da revista Alameda, do Liceo de Noia, con páxinas especiais adicadas ao centenario do balandro.

Tamén no mesmo día 23 ás 13 h haberá o nomeamento de Novos Mariñeiros do Vieta. Este nomeamento está dirixido a aquelas persoas que queiran formar parte do colectivo que coida e manten en actividade ao Joaquín Vieta.

Parabéns á Asociación Joaquín Vieta polo titánico esforzo feito para que non se perdese este fermoso barco, para que os máis novos poidan saber como eran os barcos que daban traballo e vida á xente da ría de Muros e Noia hai cen anos. Para que todos poidamos desfrutar da fermosa fasquía deste balandro que leva nas súas cadernas 100 anos de sal e suor.

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *