Chamamento pola conservación do Ghidoiro Areoso

O colectivo Pandulleiros, da Illa de Arousa, ven de facer un chamamento ás embarcacións tradicionais do litoral galego a unha navegación desde o Bao ao Areoso o vindeiro xoves 11 de setembro ás 16:30 h. para reivindicar a protección do Areoso frente a degradación que está a sofrer.

O Ghidoiro Areoso é un illote da ría de Arousa formado fundamentalmente de area que é probable que en tempos estivera unido á Illa e que garda unha riqueza arqueolóxica excepcional xa que en moi pouca superficie hai catalogados cinco megalitos funerarios, un asentamento da Idade do Bronce, e un paleosolo que aflorou cos temporais e que garda importante información sobre a fauna e flora prehistórica. Xunto a esta riqueza arqueolóxica ten tamén un importante patrimonio natural: dúas dunas, unha delas activa. A todo isto hai que sumar os bancos de marisco que traballa a confraría da Illa.

O Areoso está a sofrer un acelerado proceso de degradación, en parte debido a causas naturais, pero cunha forte incidencia da afluencia masiva e incontrolada de visitantes. Na fin de semana e en verán é destino de moitos barcos de recreo a motor, como se ve na imaxe de arriba.

Para limitar o efecto desta afluencia masiva de persoas ao Areoso, no seu manifesto Salvemos o Areoso os Pandulleiros propoñen:

1. Regulación urxente dos accesos e visitas ao Areoso e aplicación efectiva da lexislación vixente e actuación por parte das administracións e autoridades pertinentes ante a atividade ilícita da acampada libre.
2. Aprobación polo Consello da Cultura Galega do informe sobre a situación do Areoso, despois de que os responsables das súas seccións de Patrimonio e de Ciencia visitaran O Areoso o pasado mes de xuño; e á vista dese informe e dos que o CSIC, a Deputación de Pontevedra e outros organismos redactaron (ou están a redactar) sobre o estado das mámoas e o imparable proceso de erosión do paleosolo, que se fixen prioridades de actuación ambiental e arqueolóxica a cargo da Consellería de Medio Ambiente e da Consellería de Cultura da Xunta de Galicia, da Deputación de Pontevedra e do Servizo Provincial de Costas do Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente.
3. Transferencia ó Concello da Illa da Arousa de máis competencias sobre a protección do Areoso,
4. Colocación de boias en todo o areal do illote como medida de protección

O Areoso é un ecosistema moi delicado que está en serio risco e que merece unha especial atención pola súa riqueza patrimonial, natural e marisqueira.

Para saber máis sobre o Areoso:

Capitulo Cero.
Guidoiro Areoso: un privilexiado espazo arqueolóxico con conta atrás
Guidoiro Areoso: unha vergoña que se nos desfai nas mans

Guidoiro Dixital.
Guidoiro Areoso: erosión litoral e arqueoloxía

A pedra do Encanto
O illote de Guidoiro (ou Ghidoiro) Areoso

Faro de Vigo
Recogen datos de los barcos que ignoran las boyas de Areoso para denunciarlos
A Illa pide que se intensifique el control sobre Areoso tras la ´invasión´ del fin de semana
´Pandulleiros´ apuesta por prohibir las visitas a Areoso de forma temporal
Areoso levanta pasiones
El hilo de la memoria del Areoso

E finalmente un magnífico vídeo de Manuel Gago sobre a importancia do Areoso para a arqueoloxía e a historia

(Imaxe: Faro de Vigo. O Areoso un fin de semana do verán)

Etiquetas