Crónica da Regata de Clásicos de San Vicente

Nunha xornada espléndida de sol desenvolveuse este domingo a III Concentración de Barcos Clásicos Trofeo O Corte Inglés, organizada polo Club Náutico San Vicente do Mar en colaboración coa Asociación de Amigos da Dorna Meca.

O trazado do percorrido saíu do Porto de Pedras Negras e dirixiuse ao faro de Camouco na illa de Ons, para virar ata o Faro de Picamillo no que o vento foi moi escaso, cun máximo de 8 nós e con notables cambios de compoñente. A partir de alí e virando na baliza de Faxilda seguiuse cara a praia da Lanzada percorréndoa en paralelo, ofrecendo un magnífico espectáculo de plasticidade e beleza. O tramo final remataba no porto de San Vicente onde se deu a chegada ás embarcacións participantes. O número de barcos participantes ascendeu a 24 entre os que se contaban o Nocturne, Miña Miniña, Casandra, Silma, Airexa, ou o Evangelina Uno.

Este evento logrou reunir a un amplo abano de embarcacións clásicas de todo tipo, desde dornas senlleiras, pasando por clásicos de enxeñeiros de renome como Camper&Nicholson, barcos recuperados como os vellos galeóns de ría, veleiros con máis de 50 anos de historia, ata as novas construcións que manteñen liñas e materiais de tempos pasados.

A entrega de premios, que coincidiu coa entrega de diplomas aos alumnos da Escola de Vela do Club Náutico San Vicente, estivo presidida por Ulises Bértolo en representación do Club anfitrión, Pedro Blanco en representación do patrocinador El Corte Inglés e Guillermo Gefaell en representación da asociación Internacional de barcos clásicos Banjer 37 Motorsailer Club.

As embarcación premiadas foron:

-Sara O, de Xosé Avelino Ochoa, embarcación maior número de tripulantes da Escola de Vela do Club Náutico San Vicente.

-A dorna xeiteira Rabandeira, da Asociación Rabandeira de Vilanova de Arousa, como primeira clasificada na categoría de barcos de traballo.

-O Aguete, propiedade da Armada Española, como primeiro clasificado nos barcos Espírito de Tradición.

-O Gañador en barcos clásicos foi o Ébano, un vela lixeira da clase Snipe, construído en madeira laminada nos estaleiros Lago de Vigo en 1970, tripulado polos irmáns David e
Sonia Leiro.

-O premio ao barco máis fermoso por votación entre os participantes foi para o Naia ,e Pablo Blanco.

-O premio ao barco de Época foi a parar ao galeón Nuevo Sofía, da Asociación Rabandeira de Vilanova de Arousa.

Na foto de arriba vese a dorna de tope Airexa en regata, e por detrás dela o Naia. Máis fotos do evento en Todogrove.com

(Texto e foto Lino Prieto)

Etiquetas