Cultivos mariños na investigación oncolóxica

O ‘cerebro’ do Yondelis falará sobre os cultivos mariños na investigación oncolóxica, este xoves 20 de outubro, ás 20.00 horas no Museo do Mar de Galicia

Fernando de la Calle é xefe de Microbioloxía de PharmaMar, do grupo Zeltia, que revolucionou a industria farmacéutica levando á investigación contra o cancro ó fondo dos océanos

O responsable do deseño do proceso de biotecnoloxía na fabricación do YondelisTM, Fernando de la Calle, pronunciará este xoves, ás 20.00 horas no Museo do Mar de Galicia, unha conferencia co título “Subministro de productos naturais mariños en oncoloxía. A experiencia de PharmaMar”. O YondelisTM é o fármaco máis avanzado e coñecido do grupo Zeltia, que colleu sona mundial porque abriu a vía da investigación oncolóxica a partir de compostos obtidos de productos mariños recollidos en distintos océanos do mundo. Mesmo oubo pesqueiros da flota conxeladora galega que colaboraron na recollida de mostras en distintos mares do planeta.

O investigador explicará os procesos de investigación da multinacional que levan a producir de maneira estable diversos compostos para clínica. De la Calle fará alusión ós traballos con cultivos mariños e a súa relación coa biotecnoloxía.

Esta conferencia celébrase co gallo do Día Mundial da Ciencia, que se conmemora tódolos días 10 de novembro. Tras esta charla, o Museo abrirá un novo ciclo de conferencias, que estarán adicadas a facer unha análise moi polo miudo dos efectos do Prestige en Galicia, para o que se contará –ó longo de varias semanas- coa presencia dos máis importantes investigadores neste campo.

Currículo do conferenciante:
Fernando de la Calle Verdú, nacido en 1961, licenciouse en CC Biolóxicas pola Universidad de las Islas Baleares , obtivo o grao de Doutor en CC Biolóxicas polo Centro de Bioloxía Molecular da Universidad Autónoma de Madrid (1998) e recentemente completou o seu ‘executive MBA’ polo IDE-CESEM en Madrid. Incorporouse a PharmaMar no 1988 e dende 1996 exerce como xefe do Departamento de Microbioloxía Mariña aplicada á obtención de novos antitumorais así como a melloras de procesos de fermentación e transferencia de tecnoloxía de procesos biotecnolóxicos. De la Calle ten escrito máis de 30 publicacións e varias patentes sobre illamentos microbianos, optimización de procesos e manipulación de xenes de metabolismo secundario.

(Texto: Pablo Carrera, Museo do Mar de Galicia)

Etiquetas