A cultura marítima na Galiza e a súa patrimonialización

Dionísio Pereira, historiador, ven de publicar o artigo A cultura marítima na Galiza e a súa patrimonialización na revista Argos, que edita o Museu Marítimo de Ílhavo. Dionísio non só foi o noso primeiro presidente senón que é unha das persoas que máis ten traballado e escrito sobre a cultura marítima galega. No 2008 publicou un diagnóstico na revista Adra sobre o noso patrimonio marítimo, e hoxe pon ao día ese diagnóstico a partir dos datos recollidos no proxecto PESCUM para o período 2008-2011.

Partindo da definición previa dos actores implicados na patrimonialización: Administración pública, entidades mixtas de colaboración publico-privada (fundacións, GACs, etc.), universidades, asociacións, e iniciativa privada (empresas, particulares, etc.) analiza as accións levadas a cabo no período mencionado comparando os resultados de Andalucía, Cataluña, Galicia e o País Vasco.

Algunhas conclusións son:

  • O principal protagonista da activación patrimonial da cultura marítima galega é o asociacionismo cultural e profesional que focaliza, en cooperación coa Administración, o seu traballo na recuperación das embarcacións e técnicas de navegación tradicional. Sen embargo ponse de manifesto a feble diversificación das accións emprendidas polos colectivos.
  • A participación das Entidades Públicas no seu conxunto é inferior ao de Andalucía, Cataluña e o País Vasco.
  • Os GACS incentivaron as accións de patrimonialización sobre todo no aspecto inmobiliario e de investigación, abrindo unha canle de participación de Concellos, Confrarías e iniciativa privada.
  • Destaca o papel irrelevante das tres universidades galegas, en contraste coas das outras comunidades estudadas.
  • Hai unha concentración de esforzos na recuperación da navegación tradicional e un déficit considerable no referido á investigación do noso patrimonio marítimo no período 2008-2011.

Hai por último un apartado no artigo adicado aos museos relacionados co mar, poñendo de manifesto a relativa xuventude da maioría, hoxe conformados por 18 centros de todo tipo. Deste grupo e salvando notables excepcións a maioría consisten en coleccións repetitivas, sen especialización local, posiblemente debido a falta de financiamento e profesionalización e tamén á inexistencia dun mecanismo de coordinación.

O artigo remata repasando os últimos acontecementos posteriores ao período estudado, onde se poden ver luces e sombras para o patrimonio marítimo, tales como a nova Lei do Patrimonio Cultural, a declaración de BIC das técnicas da Carpintaría de ribeira por un lado e a queima do estaleiro de Casqueiro ou a perda para navegación de barcos como o Hidria polo outro.

O visto ata agora é un moi pequeno resumo do contido do artigo, do cal recomendamos a lectura demorada.

 

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *