Culturmar en Atlantikaldia. Errentería

Do 22 ao 25 de setembro celebrarase en Errentería (Gipuzkoa) Atlantikaldia, un festival de encontro entre culturas e música. O mar será o punto de conexión das diferentes actividades do festival. Durante eses días en Errentería poderanse ver concertos de música, exposicións, mercados artesáns, bailes, visitas guiadas, etc.

Culturmar estará presente en Atlantikaldía cunha mostra de embarcacións tradicionais galegas de pequeno porte. Desprazaremos ata Errentería seis embarcacións (dorna, gamela, choupán, bote polbeiro, carocho e buceta) pertencentes a Mariñeiros de Bouzas, Os Galos de Bueu, G.C. Ronsel do Seixo, e Terra de Outes, de todos eles viaxarán membros e unha representación da Xunta Directiva de Culturmar. Acompañando a estes barcos desprazaremos a exposición Patrimonio do vento e do sal e haberá unha mostra audiovisual sobre o traballo de recuperación que están a facer os colectivos de Culturmar, e sobre os diferentes eventos que organizamos, entre eles o Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia.

O sábado 24 a mostra estará en Trintxerpe, un barrio de Pasaia a onde emigraron moitos galegos para traballar no mar a partir dos anos 20 do século pasado e dos que aínda hai moita presenza alí. Coa colaboración do Fato Daniel Castelao e o Concello de Pasaia montaremos unha exposición en terra coa que se quere dalgunha forma render homenaxe aos homes e mulleres que durante tanto tempo mantiveron viva a presenza galega en Trintxerpe.

(Imaxe: Exposición de barcos en seco en Pontevedra)

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *


The reCAPTCHA verification period has expired. Please reload the page.