Debuxantes da pedra, fabricantes da lata: O legado de “La Artística, S.A”. Exposición



Dende onte e ata o vindeiro 16 de xuño vai estar aberta no Museo do Pobo Galego a exposición Debuxantes da pedra, fabricantes da lata: O legado de “La Artística, S.A” , que comisariada por Xesús Giraldez e Lino Lema fai un repaso á vida de La Artística, a principal empresa do sector metalgráfico nas primeiras décadas do século XX e que hai pouco tempo celebrou o seu 100 aniversario.

O sector metalgráfico naceu para fornecer de envases á industria conserveira e foi un dos sectores punteiros antes da guerra civil, e que logo se veu abocado á práctica desaparición polo estancamento producido pola situación económica da posguerra.

Na exposición pódense ver pedras litográficas e deseños que pertencen aos fondos depositados polos herdeiros dos fundadores da empresa no Museo do Pobo Galego, e tamén se poderá ver unha película promocional dos anos 20 onde se mostra o procedemento completo de fabricación de latas para conserva.

Etiquetas