O PERGAMIÑO VINDEL. UN TESOURO SETE CANTIGAS. Do 10 de outubro de 2017 ao 4 de Marzo de 2018

O PERGAMIÑO VINDEL. UN TESOURO SETE CANTIGAS

Grazas á colaboración entre a Xunta de Galicia e a Universidade de Vigo, o Pergamiño Vindel, que leva 40 anos depositado na Morgan Library & Museum de Nova York, sae por primeira vez da cidade dos rañaceos para chegar a Galicia, ao territorio que serviu de inspiración para os seus versos, onde se exhibe por vez primeira.

“Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas” é o título da exposición na que o manuscrito que contén sete cantigas de amigo de Martín Códax, e a melodía de seis delas, se exhibe ao público por primeira vez na historia.

A exposición divídese en sete partes, cada unha delas inspirada nunha das cantigas. O Pergamiño Vindel é o eixo central, pero está acompañado por outras pezas medievais e contemporáneas de gran calidade que explican a sociedade, a estrutura de poderes e a vida cotiá da época das cantigas; que nos falan da paisaxe, do mar, da música e das romarías en santuarios. Os santuarios locais da ría puideron servir de inspiración a Martín Códax.

Máis de 50 pezas conforman esta exposición única, entre as que se inclúen pinturas, documentos, esculturas, obras en madeira, elementos arqueolóxicos e obras de carácter sacro e profano, entre outras.

A mostra, promovida pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e pola UVigo, e comisariada polo historiador Francisco Singul, permanecerá aberta do 10 de outubro de 2017 ao 4 de marzo de 2018 e poderá visitarse no horario habitual do museo

O prezo da entrada é o correspondente á entrada do museo (3 € tarifa xeral, 1,50 € estudantes, desempregados e xubilados e gratis menores de 8 anos), non debendo aboar máis por acceder a exposición.

A exposición dispón de actividades didácticas para escolares e público xeral, para máis información poden chamar ao 986247750 de martes a sábados de 10 a 14h.

 

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *