Gaiteiros do mar. Proxecto documental

O xoves 12 de febreiro ás 20:00 h vaise presentar na librería Maraxe de Cangas o proxecto documental Os gaiteiros do mar e o libro Contos do Mar de Irlanda, de onde nace o proxecto a partir dun conto do libro.

O Martes de Carvanal principiará no Hío a gravación dun documental en homenaxe a dous mariñeiros: Lito de Pinténs e Manuel Sotelo, Manoliño de Donón. Ambos os dous dende moi novos quixeron ser gaiteiros. Comezaron ensaiar xuntos en Donón, e estiveron a piques de cumprir o seu soño: Tocar no Hío, no Carnaval do Gaiteiro. Xa estaban contratados pero… houbo que ir ao mar. Por suposto, embarcaron tamén cadansúa gaita.

Manuel, pescou, ou sexa, tocou e triunfou, en Namibia e no Uruguai. Abordo do Ría de Aldán (arriba na foto), cos seus compañeiros Feliciano e Manuel Martínez, chegou a gravar un “LP” en cinta casete. Titulárono: “Nas augas do Gran Sol”.
Pola súa banda, Lito de Pinténs fixo as súas mareas pola parte de Terranova. Tocou as pezas de Nadal en Saint-Pierre-et-Miquelon, e mesmo actuou e triunfou nunha discoteca do porto de Saint John’s

Xubiláronse do mar, seguen a ser gaiteiros. Manoliño toca decote cos antigos compañeiros do Gran Sol. Lito fundou unha banda de gaitas, Manxadoira de Bueu. Este Martes de Carnaval culminarán por fin o seu soño de mocidade: Lito e Manuel tocarán xuntos no Carnaval do Gaiteiro do Hío, no palco de Nerga.

Na presentación estarán Xurxo Souto, autor do libro, e Daniel Lavesedo, de GZ Música, que fará o documental.