Galicia y el siglo XVIII. Catálogo de planos e debuxos do século XVIII

Galicia y el siglo XVIII. Planos y dibujos de arquitectura y urbanismo (1701-1800) é unha obra imprescindible para os interesados no patrimonio marítimo e fluvial. Dirixido polo profesor Alfredo Vigo Trasancos, un equipo de investigadores traballou durante varios anos para recopilar os datos sobre debuxos e planos en 55 centros, transcribilos e facer un completo catálogo, tanto en papel como nunha base de datos, editado pola Fundación Barrié.

Máis de 1600 planos e debuxos recollen gran parte do construido en Galicia no XVIII. Evidentemente a maioría dos planos son obras construídas ou proxectadas en Santiago, Coruña ou Ferrol, pero tamén hai planos de obras en pequenas vilas.

Unha parte significativa do total dos planos recollidos corresponden a construcións relacionadas co mar e os rios. Hai que destacar os planos do Arsenal de Ferrol, que recollen desde vistas xerais ata pequenos detalles, por exemplo como se construían as portas dos diques de carena (e que poden servir de referencia nunha posible restauración do dique da Cabana, ver máis abaixo). Xunto cos planos do Arsenal hai tamén unha infinidade de planos de instalacións militares de defensa da costa, no entorno de Ferrol, pero tamén nas rías de Camariñas, de Cedeira, en Fisterra, Marín, Moaña, Vigo, etc. Ademais dos planos de uso militar aparecen tamén planos de portos como o de Camariñas, Porto do Son, Ons, ou Pontecesures (cos seus alfolies). Hai tamén pezas singulares, como un plano da zona de Tragove cos muiños de maré, planos das fábricas de enxarcia de Sada, planos dos arsenais dos Correos da Coruña na Palloza, ou unhas vistas de Ribadeo, Baiona e Ferrol encargadas polo Conde de Floridablanca (imaxe de arriba). Respecto dos rios, son abundantes os planos de pontes (Pontenafonso, Ponteareas, etc.) e incluso aparece un plano das pesqueiras do Ulla.

A obra consta de dous volumes: un coas reproduccións dos debuxos; e outro co catálogo dos documentos que inclue a súa transcripción. Tamén inclue a obra dez reproduccións de debuxos a tamaño A2, e unha base de datos nunha chave usb. Dado o tamaño dos planos orixinais en moitos casos non é facil a lectura do plano no libro, pero a consulta da base de datos permite ampliar a vista dos planos así como ver a trancripción completa do texto que acompaña os debuxos.

Algúns destes planos son accesibles en internet a través dos catálogos dos centros nos que se conservan, sobre todo os pertencentes aos grandes centros de arquivo españois, pero outros están en pequenas institucións, co que esta obra facilita a localización e consulta. Sen embargo sería moito máis util se se poidese acceder a ela a traves da Rede, desta forma poderíase actualizar conforme se vaian descubrindo novos documentos (e de seguro van aparecer máis), ou incluso buscar sinerxias coas institucións que custodian os documentos ou con quen queira aportar algo á investigación.

Esta obra representa un enorme esforzo e supon un instrumento importante para quen se adique a investigación do patrimonio marítimo e fluvial. Felicitamos aos autores por este traballo, realmente impresionante, e a Fundación Barrié por facer unha edición de tanta calidade.

(Imaxes tomadas de Galicia y el Siglo XVIII, orixinais en Real Academia Española e Archivo General de Simancas)

Etiquetas

3 cometarios sobre “Galicia y el siglo XVIII. Catálogo de planos e debuxos do século XVIII

  1. Tremendo tesouro. A verdade é que vendo os contidos e datos que aparecen ese libro é unha pasada. Iso si, sendo unha fundación tamén podían baixar algo o prezo… 50 euros… En calquera caso, é unha marabilla que paga a pena ter!

    1. O prezo é considerable, é verdade, pero a calidade da edición xustificao. Neste momento hai moita xente que non pode comprar este tipo de obras, pero para todos, non só para os que teñen dificultades económicas, están as bibliotecas públicas.

      A Barrié de sempre tivo unha política positiva cara ás bibliotecas e escolas, e de seguro que en pouco tempo hai exemplares nelas. En todo caso, se non fose así, os usuarios sempre poden pedir que se merque o libro, petición que se hai fondos soe aceptarse. E se finalmente a biblioteca non poidese comprar o libro, tamén existe a posibilidade de que se poida pedir un exemplar temporalmente a outra biblioteca.

      Sempre, pero máis agora que as cousas non van moi ben economicamente, é o momento de tirarlle proveito aos recursos públicos, e as bibliotecas están abertas para todos.

  2. Eu tiven a sorte de ser alumno de Alfredo Vigo Trasancos na Facultade de Xeografía e Historia da USC e non podo máis que dicir que é probablemente a maior autoridade no tocante a historia do urbanismo en Galicia. Haberá que facerse cun exemplar desta obra.

Comments are closed.