Hai vinte anos en Brest

No blog de Sueste acaban de publicar unhas interesantes fotos sobre a presenza da Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial en Brest 96. Non era esta a primeira vez que había presenza galega en Brest, porque en 1992 estivera a Aixola levando a Nova Marina, recen construída. En 1996 viaxaron a Brest cinco barcos (Nova Marina, Meca, Virgen del Carmen, A Buxaina e mais A Bouréante) e medio cento de tripulantes.

Estas fotos fan pensar que os cartos e traballos investidos na construción e mantenemento deses cinco barcos deron moi bos réditos. Vinte anos despois seguen a navegar, a Meca mostrando as posibilidadse do seu diseño gañando regatas de clásicos, e todos difundindo o valor do patrimonio marítimo, axudando a manter vivas as técnicas da navegación tradicional e facendo que incontables persoas poidan coñecer de primeira man o que é navegar neste tipo de barcos.

Nas fotos hai moitas persoas que poderán recoñecerse vinte anos despois. Poden verse algúns compañeiros que xa non están connosco pero tamén algúns outros que vinte anos despois seguen a traballar no mundo do patrimonio marítimo. Os que hoxe formamos parte de Culturmar, ou sen facelo os que dalguha forma traballan para a conservación e socialización do noso patrimonio marítimo e fluvial, somos herdeiros dos que antes ca nós abriron o camiño. Parabéns a Sueste por traernos a todos estas lembranzas.

Etiquetas

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *