Historias, mitos e monstros do mar de Galicia. Libro

A AELG ven de publicar no último número de Escrita contemporanea as actas da VI Xornada de Literatura de Tradición Oral, co título Historias, mitos e monstros do mar de Galicia. Ademais de publicar en papel este libro tamén difunden a súa versión en pdf polo que temos que estarlles agradecidos porque este libro é un pequeno tesouro.

No libro recóllese a charla de Xosé Lois Vilar sobre os naufraxios, na que fai un repaso do que o naufraxio significa na costa galega, as súas causas, as fontes para o seu estudo, os produtos dos naufraxios, as construcións relacionadas con eles, a tradición oral, a talasonimia que nace deles, etc. A seguinte charla é de Hixinio Puentes, e tamén nos fala dos naufraxios pero centrándose na súa presenza nas lendas do mar, na literatura e na tradición literaria popular, da que acompaña varias mostras. Xurxo Souto falanos despois da “dimension oceánica do traballo dos galegos”, da presenza de mariñeiros galegos en todos os mares, partindo da aparición de Antuerpe no imaxinario marítimo da literatura galega de principios do XX lévanos polos mares de Terranova, de Panama, de Irlanda, de Mozambique, da Antártida para decatarnos de que esas historias están nos homes e mulleres que moitas veces viven ao noso carón. Por último Rosa García-Orellan mostranos a vida dos homes que foron ao bacallau a Terranova nas súas voces, seguindo o fio desde o primeiro terzo do século XX ata os finais da pesquería, nos testemuños que ela recolleu podemos ver como eran os homes e os barcos da pesca do bacallau e como foron evolucionando cos tempos. Recollese tamén no libro o contido das dúas mesas redondas coas intervencións do público e as respostas dos conferenciantes. E finalmente péchase o libro con varios poemas de Xosé Iglesias, poeta e mariñeiro do que xa temos falado anteriormente.

Un libro cheo de nomes, de historias, de poesía, e de innumerables fios dos que tirar para coñecer mellor o mar dos galegos.

(Imaxe:Urbano Lugrís. Antiacuario do porto, 1946. Colección Novagalicia Banco)

(Vía Biblioteca de Filoloxía da Universidade da Coruña)

Etiquetas