Historias, mitos e monstros do mar de Galicia. VI Xornada de Literatura de Tradición Oral

O sábado 9 de novembro vai ter lugar en Lugo a VI Xornada de Literatura de Tradición Oral baixo o tema Historias, mitos e monstros do mar de Galicia. Esta xornada está convocada pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega, en colaboración coa Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, co patrocinio da Deputación Provincial de Lugo.

Xosé Lois Vilar Pedreira, historiador e experto en talasónimos falará de Aceite, madeira e boinas. A talasonimia dos naufraxios de mar dos galegos, un percorrido pola etimoloxía dos diferentes, e moitas veces curiosos, nomes do mar galego.
Hixinio X. Puentes Novo, investigador e escritor falará de Naufraxios literarios e reais, un percorrido polo mundo do mar achegado aos desastres mariños preto do noso litoral.
Xurxo Souto, músico e escritor, baixo o título O acordeón de Antuerpe. Xeografía xeral do mar de Galicia falará da querencia que tiñan algúns distinguidos membros da Xeración Nós (Castelao, Otero, Amado Carballo) polas cousas do mar, en concreto polo porto nortense de Antuerpen, un espazo máis da literatura galega da década de 1920.
A antropóloga e profesora da Universidade de Navarra Rosa García-Orellán guiará os asistentes polos Imaxinarios da flota bacallaeira nos grandes Bancos de Terranova, un percorrido onde se sinalará a estadía da nosa flota bacallaeira nos grandes bancos de Terranova, desde os seus comezos até a moratoria en 1992.

Haberá dúas mesas redondas moderadas por Antonio Reigosa e Isidro Novo onde o público poderá participar. Pechará a Xornada un recital poético de Xosé Iglesias, mariñeiro e poeta.

A asistencia é gratuita pero é precisa a inscrición previa (ata o 6 de novembro).

Etiquetas