IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra

Os vindeiros días 5, 6 e 7 de setembro vai ter lugar en Punta Moreiras, O Grove, a IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra. Este evento está organizado por Amigos da Dorna Meca e a FGCMF, e conta co patrocinio da Deputación de Pontevedra e a colaboración do Concello do Grove.

A Xuntanza, que está enmarcada na II Festa da Salga, pretende poñer en valor o patrimonio relacionado coa salga e en xeral mostrar o traballo de recuperación do patrimonio marítimo tanto a flote como construído. As instalacións que acollen a Xuntanza son as do Museo da Salga (antigo CIPES) en Punta Moreiras, onde tamén se instalará unha liña de fondeo temporal para os barcos participantes.

O programa da Xuntanza prevé que os barcos vaian chegando o venres 5 a partir das 18:00 h; ás 20:00 h haberá estiba de sardiñas en tabais e prensado no Museo da Salga. As sardiñas foron postas na chanca en salmoira o pasado día 21.

A apertura oficial da Xuntanza será o sábado 6 ás 10:00 h no Museo e posteriormente farase unha visita guiada para público e tripulacións polo Espazo Museístico Salgadeiras de Moreiras. Logo da visita, ás 11:30 h os barcos sairán navegar na contorna de Punta Moreiras e Porto de Meloxo e regresarán ás 13:30 h, momento no que se retirarán as sardiñas dos tabais, se lavarán e desalgarán para consumilas o domingo.

Pola tarde os barcos sairán ás 16:00 h navegar e ás 18:30 farase unha demostración de largado do boliche desde a praia das Pipas coa participación de barcos e público. Logo da cea haberá actuacións musicais para público e tripulacións no Museo.

O domingo iniciarase a xornada cunha charla de Jose Luís Escalante sobre a Salgadura no Salnés ás 10:30 h, logo da cal os barcos sairán ás 11:30 h regresando ás 13:00 h para o acto de peche da IV Xuntanza. Rematará a Xuntanza coa degustación das sardiñas curadas no Museo.

Todas as persoas interesadas en participar deberán cubrir a folla de inscrición e enviala ao correo secretaria@culturamaritima.org. Calquera dúbida será resolta no mesmo correo ou nos teléfonos 986 524 845 ou 689 005 526. É importante facer a inscrición o antes posible para que os organizadores poidan preparar a loxística de atraques, aloxamento e comidas.

As embarcacions que veñan en remolques serán botadas ao mar no Porto de Meloxo e logo os remolques terán que levarse a Punta Moreiras.

Lembramos a necesidade de ter en regra os seguros e levar a bordo as medidas de seguridade correspondentes para poder participar.

Etiquetas

7 cometarios sobre “IV Xuntanza de Embarcacións Tradicionais Deputación de Pontevedra

  1. Non sabía que a FGCMF tamén se dedicaba a facer actividades de clube, entendía que soio tiña as funcións de cumprimentar a organización dos encontros bianuais de embarcacións tradicionais.

    Paréceme que os intereses desta FGCMF non son os que os seus estatutos comtempla, senón facer de compadreo para “actividades pintorescas”.

    1. A FGCMF fai todo aquelo que promova o patrimonio, sempre co acordo dos membros da FGCMF da zona, como sucede neste caso no que a FGCMF é coorganizadora xunto a Amigos da Dorna Meca.

      A FGCMF non só organiza o Encontro, tamén fai moitas outras actividades, e en ningún caso está limitada polos seus estatutos a organizar o Encontro. A FGCMF compóñena os seus 45 colectivos asociados e implícase nas actividades de promoción do patrimonio, tanto as promovidas en conxunto como nas organizadas por cada un dos colectivos sempre co acordo destes.

      1. Non creo que sexa promover o patrimonio, interferir nas actividades doutras asociacións.

        Cada entidade debe ter uns fins diferenciados, neste caso a fgcmf con respecto aos colectivos asociados.

        1. A FGCMF non é unha asociación distinta ou autónoma dos 45 colectivos que actualmente a compoñen: todos eses colectivos forman e son a FGCMF; por iso a FGCMF como tal non ten socios de seu e os seus directivos han ser membros dalgún deses colectivos.

          En consecuencia, os fins e obxectivos da FGCMF (en síntese, defender e promover o patrimonio marítimo e fluvial) son os mesmos de todos e cada un dos colectivos.

          Cada un dos colectivos realiza as actividades que pode e lle parece ben organizar, ás veces sen precisar a colaboración de ninguén, pero moi a miúdo coa colaboración e respaldo doutras ou de todas as asociacións da FGCMF.
          De non ser así, non se precisaría a existencia da FGCMF, que non está só para organizar algunha actividade (o Encontro, por exemplo), senón para apoiar e respaldar o traballo de todos os colectivos e servir de nexo de unión entre eles, promover estudos, realizar e dinamizar exposicións, achegar servizos aos seus membros, defender o patrimonio en conxunto ante as Administracións, ser o organismo representativo de Galicia na defensa do patrimonio por Europa adiante etc.

          Por último, a FGCMF non interferíu na actividade, axudou a Amigos da Dorna Meca a organizala. Como xa dixemos a FGCMF non fai nada sen o acordo dos colectivos implicados.

          1. Para mais abastanza, envíoche un artigo de Fernando Piñeiro co título de “Regatas..Regatas” no Apupo nº 9 do ano 2005, donde xa suliñaba estas queixas:

            “A única queixa que se deixou sentir foi quizais a cantidade de regatas, que unido as xuntanzas do resto da FGCMF, fan para a xente das dornas un calendario esgotador.

            Desenvolvéronse en total 12 regatas dende Xuño a Setembro, o que plantexa a necesidade dunha planificación axeitada ós compromisos das asociacións e as súas xentes.”

          2. Lémbroche o comentario que hai anterior ao meu:

            “Eliminar do calendario a Regata de Dornas de Porto Meloxo, foi suspendida por mor dos citados Encontros. Saúdo”

Deixa o teu comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *