“La Viguesa”, un petroleiro a vela

O 15 de xullo de 1895 cruzáronse no medio do Atlántico dous barcos, La Viguesa, un bergantín-goleta petroleiro, e o Spray, o barco de Joshua Slocum.

Slocum saira de Boston en abril e nese momento navegaba rumbo a Horta nas Azores, coa intención de dar a volta ao mundo. Slocum foi a primeira persoa en navegar ao redor do mundo en solitario.

La Viguesa era un petroleiro de Vigo, pertencente á empresa Babé, e que viña de Filadelfia cun cargamento de petroleo a granel baixo o mando do capitán Juan Gantés, da Coruña, con destino á refinería que naquel tempo había en Guixar, Vigo.

Ese encontro dos dous barcos dou para que Slocum comprobara os seus instrumentos de navegación e para que lle regalaran unha botella de viño. Este suceso está recollido no seu libro A bordo do Spray, e agora temos a versión de Francisco Latorre González, agregado no bergantín-goleta, que deixou escrito nun exemplar en español do libro de Slocum a súa versión do encontro e que se pode ver grazas ao seu neto nos comentarios dun completo post sobre a máis que interesante vida de Slocúm no web Navegar es preciso.

E para saber máis datos de La Viguesa, un petroleiro a vela con casco de aceiro construído por The Grangementh Dock Company en Escocia que rematou a súa vida en Argentina, pódese consultar o como sempre excelente traballo que sobre La Viguesa se publicou recentemente en Vida Marítima.

Este post de Vida Marítima sobre La Viguesa ven xuntarse a varios xa publicados no mesmo sitio web sobre barcos ou empresas galegas ou relacionadas con Galicia. Por exemplo os recentemente publicados sobre o Nuevo Primer Barreras, ou sobre o vapor Manuel.

(Imaxe: La Viguesa cando foi botado en 1893. Francisco Latorre González-Moro, tomada de Navegar es preciso)

Etiquetas