Libros o 23 de abril

Hoxe 23 de Abríl é o Día do Libro. Aproveitamos para falarvos dalgúns libros do mar e dos ríos, por se estades a pensar en mercar.
Empezando polo patrimonio inmaterial, no 2002 a editorial Toxosoutos editou o libro Seres galegos das augas. Mitoloxía comparada, do escritor Xoan Xosé Teijeiro Rey.
No campo do patrimonio inmoble a Fundación CaixaGalicia ten publicado o libro Faros de Galicia no 2004, un libro de gran formato e abondosa documentación escrito por Jesús ángel Sánchez García, José Luis Vázquez Iglesias, e José Manuel Yánez Rodríguez.
E no campo do patrimonio moble, Galaxia publicou o libro Madeira de mar sobre as gamelas, da autoría de Íñigo Echenique.
Recentemente Sotelo Blanco editou Xentes do mar do Grove, de Olegario Sotelo. Para quen guste de aventura histórica Alberto Fortes publicou no 2005 en Xerais O corsario, sobre a vida de Juan Gago de Mendoza, corsario galego da época de Napoleón.
E para rapaces, e non tan rapaces, ademáis dos clásicos, como A illa do tesouro, O corsario negro, etc. a editorial Tambre publicou o ano pasado o libro Piratas polo Miño, de Xosé Miranda. Un libro de poemas moi divertido, e certamente curioso, que recolle a aventura dun rapaz que un barco pirata secuestrou en Lugo.
Como exemplo deste libro transcribimos máis abaixo un poema.
Ademáis destas suxerencias podedes repasar as reseñas aparecidas neste web e en Ardentía.
No Foro ou nos comentarios podedes suxerír libros que vos gustasen.

Piratas polo Miño

Eran catro piratas con cinco ollos
e o que tiña dous era birollo
En sete mans levaban tres pistolas
e doce ou trece aneis e unha sortella,
e, ao pasar a Marola,
sorriron con furor de orella a orella.

O piloto era xordo
e o contramestre un tipo estrafalario
e o segundo de a bordo
un bébedo devoto do rosario.

Non tiñan nin grumete nin gabieiro
e sucaban a mar, sempre deserta,
baixo o ronsel distante dos mascatos,
e en agosto o mesmo ca en xaneiro
percorrían as táboas da cuberta
os seus pés, sen carpíns e sen zapatos.

Mandaba nesa tropa de forbantes
un home sempre envolto en capa parda
quen, como os almirantes,
sacou o anteollo ao divisar A Garda.

Aínda que con dez dedos,
era manicho e torvo o capitán,
e nos días máis ledos
erguía un sable roto na súa man.

Como os seus tripulantes,
cargaba o barco abondas teas de araña,
porque hoxe igual ca antes
non hai cousa que o home máis estraña.

Etiquetas

Un comentario sobre “Libros o 23 de abril

  1. Eu merquei Xentes do Mar do Grobe e desde logo é unha publicación do máis recomendable. Capas duras e papel de alta calidade. Un bo continente para un bo contido.
    As fotos son boísimas.
    Un saúdo mariñeiro

Comments are closed.