Limpeza e solidariedade: o movemento social visto polos protagonistas

Os axentes sociais de Cangas iniciarán mañá xoves ás 20.00 horas o ciclo de conferencias sobre a evolución do desastre do Prestige dende os puntos de vista medioambientais, sociolóxicos, económicos e mediáticos. Esta primeira charla, que representa unha homenaxe ós milleiros de voluntarios que participaron na loita contra o chapapote, tratará de explicar como se organizou a poboación para facer fronte a marea negra. Cangas foi unha das moitas vilas que se autoorgonizaron para fornecer ós peiraos e convertelos en auténticos campamentos de emerxencia nos que se distribuía o traballo para facer limpeza, alimentar ós voluntarios, etc.

Participarán:

Xosé Luis Domínguez, xefe da Policía Local de Cangas

Xosé Luis Barreiro, axente da Brigada Verde do Concello de Cangas

Pablo Villar, xerente da Confraría de Cangas

Pío Millán, concelleiro de Medio Ambiente de Cangas (xerente da
Mancomunidade do Morrazo en novembro de 2003)

O Museo do Mar de Galicia ofrecerá ós seus visitantes o máis completo debate público sobre a evolución do desastre do Prestige, coincidindo co terceiro cabodano do accidente que provocou un gran impacto ambiental, económico e mesmo sociolóxico en Galicia.
Ó longo de dous meses, pasarán os mellores investigadores – biólogos,
economistas…- do Estado que seguiron o impactante caso do petroleiro e as
súas consecuencias dende o punto de vista medioambiental, económico, social
e mediático.

O ciclo de conferencias -tódolos xoves ás 20.00 horas- estará dividido en
tres bloques ben diferenciados. O primeiro deles está adicado ó movemento
civil, ós mecanismos de organización social da cidadanía para encarar pola
súa conta ós efectos da marea negra: fornecemento de alimentos e aparellos,
distribución de tarefas nos peiraos, servizos de limpeza, etc. O segundo
deles é o bloque científico e medioambiental, e conta co apoio e
coordinación da Comisión de Coordinación Científica sobre verquidos mariños
accidentais (CCC) e a Real Academia de Ciencias Experimentales, Físicas y
Naturales (RACEFN). O coordinador do bloque medioambiental é o xeólogo
Federico Vilas, membro da RACEFN e secretario da CCC. Non era posible facer
unha selección de mellores especialistas nesta materia.

O terceiro apartado centrarase nos aspectos sociolóxicos, económicos e
mediáticos que se veñen producindo dende o accidente de petroleiro ata hoxe.
Este bloque contará con tres conferencias adicadas ós cambios legais,
socioeconómicos e políticos que sucederon ó Prestige. Non se trata, en
definitiva, de falar do sinistro senón da evolución do mesmo neste tempo.

O ciclo de conferencias foi presentado polo director do Museo, Pablo
Carrera, que explicou a necesidade do paso de tempo para analizar con máis
criterio a evolución do sinistro para o medio ambiente e a sociedade galega.
-Era a nosa obriga -sinalou Carrera- encabezar este debate sereno sobre os
efectos da traxedia do Prestige, que foi a marea negra máis importante do
mundo-. O director do Museo, biólogo mariño, recalcou que hoxe é preciso
facer unha comparación entre a Galicia previa ó accidente e a Galicia
actual.

Etiquetas