Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal. Exposición


Ata o día 22 de febreiro está aberta no Museo Municipal de Vigo “Quiñones de León” a exposición Lugrís. Viaxe ao mundo de Ulyses Fyngal.
Lugrís é posiblemente o pintor galego con máis obra relacionada co mar, tanto pictórica como literaria.
O enfoque da exposición é inusual en tanto non se trata da habitual antolóxica ou dun percorrido lineal pola produción do pintor. O seu punto central é un cadro, “Habitación dun vello mariño” (arriba na imaxe), a obra mestra do pintor e xoia da colección do museo municipal. En torno a el xiran todos os demais cadros e obxectos presentados que, dalgún xeito, tratarán de desvelar o profundo misterio que xira en torno a esta habitación baleira, en torno a este retrato sen retratado.