Mais apoios para a conservación do estaleiro de Purro

Están a chegar apoios á conservacion do estaleiro de Purro, recentemente recibimos o da Federación Andaluza por la Cultura y el Patrimonio Marítimo y Fluvial que en breve remitirá un escrito ás institucións implicadas.

Este é o texto do escrito que a FGCMF enviou á Consellería de Cultura ao respecto do mesmo tema.

Cambados a 27 de marzo de 2010

A Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial (FGCMF) naceu en 1993 co obxectivo de conservar, divulgar e dinamizar o patrimonio marítimo galego. Dende a súa fundación e coa colaboración da Xunta de Galicia ven organizando cada dous anos os Encontros de Embarcacións Tradicionais de Galicia e acude a eventos similares noutros países co obxecto de intercambiar experiencias. Actualmente agrupa a 45 asociacións que traballan a prol do patrimonio marítimo galego. En recoñecemento ao labor que veñen desempeñando as asociacións que compoñen a FGCMF, Galicia foi convidada de honra no ano 2000 (Douarnenez) e no ano 2008 (Brest) nos principais eventos internacionais que se organizan sobre a cultura e as tradicións mariñeiras. No ano 2009 foi convidada a fomar parte do European Maritime Heritage, asociación de carácter europeo que conta co abeiro da Unesco, convertindose no único representante do Estado Español con pleno dereito nesta entidade (O Museo Marítimo de Barcelona e Untzi Museoa – Museo Naval, do Pais Vasco son membros asesores). Como referente nacional e internacional no que respecta ao traballo de dinamización do patrimonio marítimo, a FGCMF ten sido convidada como poñente a numerosas xornadas técnicas en Europa e no Estado Español. Actualmente é asesora do proxecto da Unión Europea DORNA (Desarrollo Organizado y Sostenible de Recursos en el Noroeste Atlántico).

En base á experiencia acadada na traxectoria anteriormente descrita, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial valora moi positivamente a conservación da carpintería de ribeira de Banda do Rio en Bueu (coñecida como carpintería de Purro) para darlle un uso cultural, ben como obradoiro de embarcacións tradicionais, ben como parte do Museo Massó, o que supón por unha banda a posta en valor deste elemento ligado ao patrimonio marítimo galego e por outra banda supón un atractivo máis que Bueu pode ofertar de cara a un turismo cultural, turismo que según os datos da Unión Europea está a medrar a un ritmo moi superior ao turismo de sol e praia. Nestes momentos as autoridades europeas preocupadas pola incidencia socioeconómica das sucesivas limitacións pesqueiras, están a recomendar ás vilas mariñeiras que poñan en valor os seus elementos relacionados coa cultura do mar como forma de potenciar os seus atractivos e xenerar unha economía complementaria basa nun turismo cultural responsable e sostible, tal e como recolle o Fondo Europeo da Pesca (FEP), no seu Eixo 4, que introduce para o período 2007-2013 como novo tema prioritario “el desarrollo sostenible de las zonas pesqueras”.

Dende a FGCMF consideramos que a conservación e restauración do asteleiro, permitiría amosar aos visitantes o proceso de construcción das embarcacións, precisamente nunha vila como Bueu cunha importante flota de baixura. Ademais esta labor se realizaría na única carpintería de ribeira que se conserva en toda a Ria de Pontevedra. Parecenos que non ten sentido que o Museo Massó teña no seu interior un espazo que intenta reproducir unha carpintería de ribeira e a poucos metros se quera derrubar unha orixinal (a única que queda na Ría), que conserva tódala maquinaria e ferramentas. Por iso parecenos como a mellor opción que a carpintería de Purro teña nova vida, unha vez restaurada, vinculandola a actividades culturais relacionadas coa carpintería de ribeira.
Compre destacar como o Goberno Vasco ven de declarar ben de interés cultural (coa categoría de monumento) a única carpintería de ribeira que quedaba no concello de Lekeitio e está a facer o mesmo con outra de Orio. Tamén hai que suliñar como os estaleiros Nereo, ubicados a pé de praia en Malaga, e que hai uns anos estaban ameazados de derrubo polas obras do paseo marítimo daquela cidade, actualmente están protexidos como elementos de interés patrimonial polas autoridades andaluzas.

Respecto á posibilidade de trasladar a carpintería de Purro a outra zona de Bueu, tal e como nalgún momento se ten plantexado, dende a FGCMF consideramos que o seu traslado non ten sentido. Xa que a esencia do seu potencial cultural e a interpretación “in situ” da sua riqueza patrimonial mariñeira. Está no seu espacio natural onde iniciouse en 1920 e dende onde foi testemuña da evolución das embarcacions de madeira ata a actualidade. Ademais, se a función da carpintería vai ser a difusión cultural debe estar fácilmente localizable para os visitantes, como o está agora no centro da vila de Bueu. Está situada frente ao poligono de bateas e moi perto do porto (embarcacións e bateas foron a carga de traballo das carpinterías de ribeira). Está moi perto do Museo Massó e da ubicación das embarcacións tradicionais da asociación os Galos que foron construídas ou restauradas nesa carpintería da Banda do Rio. A actual ubicación permitiría crear un roteiro para os visitantes moi próximo entre diferentes instalacións como son: o Museo Massó, o porto pesqueiro, a lonxa, o mercado onde se vende o peixe, o pantalán onde están as embarcacións tradicionais, e o propio asteleiro.

Polo tanto ¿Qué sentido ten o seu derribo ou traslado a outra zona?.

Etiquetas

Un comentario sobre “Mais apoios para a conservación do estaleiro de Purro

Comments are closed.